O novo equipamento do campo de fútbol de Sarria supuxo un investimento provincial de 40.000 euros

O campo municipal da Ribela, en Sarria, dispón dun novo videomarcador para os encontros de fútbol. A instalación, utilizada pola Sarriana, incorpora unha pantalla LED que permite mostrar información durante os partidos e actividades deportivas.
O dispositivo inclúe un ordenador e un programa multimedia para xestionar os contidos da pantalla. Segundo a Deputación, o sistema responde aos requisitos técnicos para as competicións federadas. O novo equipamento estreouse nun adestramento do club.
A Vicepresidencia da Deputación financiou a adquisición cunha achega de 40.000 euros, canalizada mediante un convenio co Concello de Sarria, propietario do recinto. O vicepresidente provincial, Efrén Castro, visitou as instalacións acompañado polo alcalde, Claudio Garrido, e polo concelleiro de Deportes, Félix Seijas.
A colaboración entre ambas administracións esténdese tamén ás pistas exteriores do Chanto. A Deputación prevé destinar 273.000 euros á renovación dos pavimentos das áreas de fútbol, tenis e pádel, así como á substitución de mobiliario urbano na súa contorna.•




