
A Casa da Cultura de Sarria acollerá este domingo 18 de outubro, ás 20.00 horas, a representación de «As alumnas», coa que concluirá a quinta edición da Mostra de Teatro Iván Tourón Morais. A entrada será gratuíta.
A compañía Culturactiva Producións leva á escena un texto de Paula Carballeira baixo a dirección de Fina Calleja. Anabell Gago e Mónica Camaño interpretan unha historia sobre a escola e a relación entre alumnado e profesorado.
A montaxe aborda a influencia que poden exercer as mestras na formación persoal, así como a permanencia de determinados recordos moito despois de abandonar as aulas. A función relaciona educación, memoria e experiencias compartidas.
A cita forma parte de Sarria Acendida, programación cultural promovida polo Concello de Sarria e financiada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.•




