
O PSdeG levará ao Parlamento galego propostas sobre vivenda e sanidade, segundo anunciou a viceportavoz Lara Méndez. O secretario xeral socialista, José Ramón Gómez Besteiro, preguntará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, polos problemas da cidadanía.
No ámbito residencial, o grupo reclamará que se publiquen os datos do Censo de vivendas baleiras, para favorecer a mobilización de pisos sen uso. Tamén pedirá executar os fondos destinados ao acceso á vivenda, declarar zonas de mercado tensionado e impulsar un Banco Público de Alugueiro.
Lara Méndez, situou igualmente o foco nas demoras sanitarias. Segundo indicou, o Sergas rexistraba en xuño 425.942 persoas á espera de intervencións, consultas ou probas diagnósticas, 47.193 máis que seis meses antes. Pedirán tamén explicacións ao conselleiro de Sanidade no próximo pleno do Parlamento.
A formación socialista tamén preguntará polos problemas de capacidade do autobús entre Lugo e A Coruña, e presentará iniciativas sobre atención sanitaria en Valdeorras e prevención das drogas.•




