Os dous concellos forman parte do plan autonómico que prevé crear máis de 1.800 prazas residenciais en Galicia

Foto GPXG.
O Saviñao e Folgoso do Courel figuran entre os municipios elixidos pola Xunta para ampliar a rede de residencias de maiores. Ambos forman unha das parellas previstas no novo programa autonómico: O Saviñao acollería un centro de máis de cen prazas e Folgoso do Courel outro de menor capacidade, con trinta, segundo a distribución anunciada polo Goberno galego.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou o 8 de outubro que os 25 concellos incluídos no plan formalizaron a súa adhesión. A iniciativa prevé superar as 1.800 prazas residenciais no conxunto de Galicia, das que polo menos o 60% serán públicas. Os municipios dispoñen agora dun ano para facilitar os terreos necesarios, mentres que a Administración autonómica asumirá a tramitación posterior en colaboración co sector sociosanitario.
A selección priorizou localidades de menos de 25.000 habitantes, cunha elevada proporción de poboación maior e sen prazas residenciais públicas autonómicas para persoas con dependencia de graos I e II. O modelo combinará instalacións de máis de cen usuarios con centros próximos de trinta prazas, co propósito de compartir recursos e servizos.
Nas residencias de maior tamaño prevese organizar a convivencia en unidades de entre vinte e trinta persoas. Segundo as estimacións da Xunta, o programa podería xerar arredor de mil empregos directos e outros tres mil indirectos en Galicia. A actuación forma parte do obxectivo autonómico de incorporar 3.500 prazas durante a lexislatura.•




