A intervención mellora a seguridade fronte ás inundacións e transforma a contorna das piscinas municipais

A rúa Serra do Faro, situada na contorna das piscinas municipais de Chantada, volveu quedar aberta ao tráfico despois dunha intervención acometida para reparar os danos causados polas riadas do pasado inverno. Os temporais provocaran desprendementos no paseo fluvial e afectaran ás infraestruturas soterradas que atravesan a zona, obrigando a unha actuación de gran alcance.
Os traballos executáronse mediante a colaboración entre o Concello de Chantada e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que trataron a obra como unha actuación prioritaria ante a complexidade dos problemas detectados no subsolo. O proxecto superou finalmente os 500.000 euros de investimento e permitiu renovar completamente as redes de drenaxe, saneamento e conducións vinculadas ao regato de Zaquín.
A intervención inclúe tamén novos muros de contención, a renovación do paseo peonil, melloras na iluminación pública e a creación dunha rotonda para ordenar o tráfico. Ademais, ampliouse a plataforma viaria, habilitáronse beirarrúas, reorganizáronse os estacionamentos e incorporáronse quince novas prazas de aparcadoiro.
Os traballos complétanse cun itinerario peonil sinalizado entre o paseo fluvial e as instalacións deportivas, reforzando a funcionalidade dunha zona que queda preparada para afrontar con maiores garantías futuros episodios de inundación.




