Falamos con Depedro sobre a filosofía conceptual do seu último disco «Furia y Calma», e a función preponderante do músico nos tempos contemporáneos

Furia e Calma é un disco atípico, e iso convérteo nun traballo sensacional. Se tivésemos que definir con precisión a idiosincrasia da industria musical contemporánea, todos os posibles vieiros teóricos rematarían por sinalar unha grotesca incapacidade dos seus produtos para comunicar por si mesmos. Conceptos engrandecidos e xustificados mediante cuantiosas campañas de marketing deixan entrever unha transformación preocupante dos principios que rexen a creación musical, cada vez máis supeditada ás regras de xogo impostas polas redes sociais e á paciencia minguante do consumidor.
Como xa comentei anteriormente, Furia e Calma é un disco atípico porque fala por si mesmo, sen necesidade de xustificacións conceptuais externas, e porque entende a natureza volátil do ser humano. Todas as cancións responden a unha diéxese sonora que non procura tanto responder ao porqué dos sentimentos máis primarios que invaden o comportamento actual da xente, como a furia, senón invitar á temperanza, á moderación e á calma. Este disco, en palabras do seu propio creador, é un apoio fronte á furia que hai ao noso arredor. Da man do produtor Camilo Lara, Depedro consegue reflectir a convivencia dos instintos básicos desde unha perspectiva máis próxima ao pop ca nos seus traballos anteriores, pero sen deixar atrás o caudal cultural da mexicanidade e a comprensión latinoamericana que caracterizaron a súa música ao longo de toda a súa traxectoria.
P: Quen é Depedro? Como te definirías como músico?
R: No meu caso, Depedro non permea no ámbito familiar, téñoo moi separado, só se fala diso de maneira circunstancial. Non chego á casa e digo: “mira que canción nova compuxen”. Son pai dunha familia numerosa e os meus fillos teñen outras cousas nas que pensar, sabes? (risas). Con todo, o proxecto musical é a miña forma de vida, é como me comunico, o meu instrumento de comunicación emocional, e teño a inmensa sorte de que a música me brindase un lugar.
P: O 23 de outubro publicaches Furia y Calma, un disco cun forte compoñente filosófico orientado a canalizar a furia cara á corrente da mesura, da temperanza e da solidariedade co próximo. Cal é esa virtude da música que lle permite calar mesmo na forma que ten a xente de ver as cousas? A través das cancións dos seus referentes poden construír unha visión do mundo completamente distinta da que tiñan antes.
R: Intento achegar unha visión artística do que fago, e a arte fai precisamente iso, dar resposta ao que non se pode explicar con palabras, e acompañar. Quizais o meu maior anhelo sexa tocar emocionalmente e acompañar coas cancións que compoño. Non sei se o consigo ou non, pero ese é o meu desexo, e formar parte dun acto artístico implica moita responsabilidade. Agora mesmo parece incluso un acto de resistencia, sobre todo se o enfocas desde a axuda, desde o feito de servir de apoio fronte á furia que existe ao noso arredor.
P: O álbum contén unha profunda mexicanidade, tanto no apartado musical como na poética das letras, nunha sinerxía que desemboca nos valores propios desta comunidade. Como é a viaxe antropolóxica pola cultura musical e deontolóxica de México no propio proceso de composición das cancións? Pódese chegar a representar a súa esencia? Non é ese o obxectivo?
R: Eu creo que non. Este disco é máis pop ou melódico; noutros deixei que me influíse máis o folclore, non só o mexicano. Pero tamén é certo que é imposible afondar completamente. Hai que poñelo en perspectiva: México ten 125 millóns de habitantes e alí fálanse 125 linguas distintas ademais do castelán. Cando a xente fala de música mexicana, a que música se refire? Á de Sinaloa, á de Chiapas… Quizais se asemelle a España polo seu carácter mestizo, pola cantidade de olladas, sabores e acentos que existen, e se iso o extrapolas a toda Latinoamérica, xa resulta inmenso.
Neste disco hai un par de cancións que teñen esa personalidade. Unha chámase HORIZONTES e outra LOS TERCOS, na que tiven o pracer de contar coa colaboración de Vivir Quintana, que si ten un pé posto no rexional. Aínda que ela faga cancións con temática e sentimento de 2026, vísteas cun sentir rexional e popular. Despois, en HORIZONTES, hai un arranxo de metais que, por suposto, ten moito de mariachi, pero gravouse na Cidade de México e interpretouno un mariachi. É como ter unha señora cunha ánfora nunha aldea preto de Lalín que toca de marabilla; pois aprovéitase. É máis unha cuestión de comodidade ca de apropiación de algo imposible de abarcar. Cantas vidas debería vivir para afondar ou pertencer a algo así? O que fago é gozar diso, e nas miñas cancións hai un arrecendo desa realidade, pero evidentemente non teño nin o talento nin a capacidade para asimilalo todo.
P: Penso que Furia y Calma é un álbum que responde a un propósito narrativo, á necesidade de poñerlles palabras e melodía a sensacións tan humanas como a furia e a calma. Porén, os tempos para ter algo que contar non sempre coinciden cos ritmos da industria, cada vez máis frenéticos.
R: Ben, de todo o mundo, non só da industria musical.
P: Tamén, pero extrapolándoo á música, pódese dicir que o álbum con significado comeza a converterse nunha especie de ferramenta antisistema, antagónica ás esixencias actuais da industria?
R: É un acto rebelde. Para os que nos importa ben pouco a inmediatez e a consecución dun obxectivo inmediato, ese discurso é, por suposto, un acto de rebeldía.
P: Cal é a función do músico nun mundo cada vez máis afastado da súa propia humanidade?
R: Gústame pensar que somos unha cola emocional, e que o que facemos axuda, que é unha ferramenta á que recorrer non só nos momentos de dúbida ou dor, senón tamén de celebración. A celebración sempre se fai en compañía, porque un só non é o mesmo.
P: O ano que vén actúas en Galicia. O directo é un refuxio para o músico, gozades no escenario e establecedes unha relación de intimidade especial co público. Que opinas do poder unificador que pode ter unha canción, capaz de provocar ese canto colectivo afinado? Que significado ten para ti esa relación singular cos oíntes?
R: É que nun concerto suceden dúas cousas moi importantes. Cando vou como público a un concerto, escóllese algo que gusta ou que se quere descubrir, e un sitúase nunha disposición positiva para escoitar e deixarse levar. Somos seres gregarios, facemos as cousas en comunidade, e cando se fan en comunidade teñen moitísima máis forza, e todos eses elementos conflúen.
Dicía un amigo meu que todos os concertos son absolutamente únicos porque esas persoas que se reúnen nun concerto, exactamente esas mesmas e cos seus apelidos, nunca volverán coincidir outra vez. Nunca máis se producirá ese encontro. Todos os concertos son únicos, e nós somos conscientes diso cando asistimos a unha obra de teatro, de danza ou de música, e agardamos que a maxia do escenario aconteza, nos colla da man e nos leve de viaxe. Por iso, creo que é o feito de compartir a experiencia o que realmente o fai especial.•



