
O programa de vacinación contra a gripe nos centros educativos galegos iniciou unha nova edición o 13 de outubro. A Consellería de Sanidade ampliou a experiencia a 75 colexios das sete áreas sanitarias, cunha poboación destinataria de 26.536 escolares. A vacina intranasal evita a picada aos escolares de tres a once anos.
Nas comarcas do sur de Lugo participan tres centros: o CEIP Xoán de Requeixo, de Chantada; o CPR Real Colegio Padres Escolapios, de Monforte de Lemos; e o CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción, de Sarria. Na relación facilitada pola Xunta non figura ningún centro da comarca de Quiroga.
A vacinación nos colexios facilita ás familias o acceso á inmunización sen desprazamentos específicos aos centros de saúde.
Na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos foron elixidos doce centros. Ademais dos tres situados no ámbito de cobertura desta publicación, participan dous colexios da cidade de Lugo e outros de Burela, Cospeito, Friol, Guitiriz, Monterroso, Vilalba e Viveiro.
A lista provincial complétase co CEIP Luis Pimentel e o CPR San José, en Lugo; o CEIP Vista Alegre, en Burela; o CPI Virxe do Monte, en Cospeito; o CPI Dr. López Suárez, en Friol; o CEIP Lagostelle, en Guitiriz; o CEIP de Monterroso; a escola infantil de Vilalba e o CPR Landro, de Viveiro.
A campaña deste curso amplía o alcance da experiencia iniciada o ano pasado. Segundo os datos difundidos pola Xunta, a primeira edición rexistrou unha participación do 51 % entre o alumnado ao que se dirixía. Agora, o incremento do número de centros busca facilitar o acceso á vacina a máis familias e estender o programa a novas comunidades educativas.
A vacinación escolar forma parte da campaña autonómica de prevención da gripe, que tamén se desenvolve a través dos centros de saúde.•



