
A sétima edición do QuiMedo reuniu en Quiroga a 1.500 persoas nunha noite dedicada ao terror, con escenarios repartidos entre o núcleo urbano e Pacios de Mondelo. O itinerario incluíu actores en directo e ambientacións de medo para o público.
A organización preparou oito espazos temáticos, entre eles unha mina, unha palleira e unha recreación da Inquisición. Unha das novidades foi o cemiterio, mentres que Mac Guarro permitiu aos visitantes escoller a intensidade dos sustos e das intervencións dos actores.
O pavillón municipal funcionou como punto de encontro desde as sete da tarde, coa entrega de pulseiras e unha festa infantil aberta ao público. Ás nove, os concelleiros Antonio Marcos e Xosé Manuel Fernández deron a benvida aos asistentes antes da saída dos grupos.
Tras unhas tres horas de actividade, os participantes regresaron ao pavillón para asistir a un desfile dos figurantes e voluntarios. A celebración continuou coa QuiMedo Fest, amenizada polo DJ Pablo, da discoteca móbil Dolce Vita. A organización agradeceu a colaboración do Concello, dos propietarios das casas e do voluntariado.•



