ENTRAMBASAUGAS

Xosé Lois García

ESGRAFIADOS NA RIBEIRA SACRA, DE MAR LÓPEZ SOTELO

Mar López Sotelo, autora da obra. (Cedida: MLS)

• Agrasar Editores, de Monforte de Lemos, presenta un excelente estudo de Mar López Sotelo, titulado: “Esgrafiados en la Ribeira Sacra y el Camino de Santiago (Obras de arte y simbolismo en las paredes)”. Un interesantísimo libro que nos remite a un apuntamento biográfico de López Sotelo, natural de Monforte, onde naceu o 31 de maio de 1961, con residencia en Pantón. Autora dun Master sobre o “Tratamento Educativo da Diversidade”. Estudante de Grado de Antropoloxía Social e Cultural pola Universidade a Distancia (UNED). Experta en intervención psicosocio-educativa en Medidas Judiciales pola Universidade das Palmas de Gran Canaria. Membro da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego. Comisaria da exposición itinerante “Encintados: Decoracións Murais na Ribeira Sacra”.

A autora presenta o título que encabeza a presente recensión. O último que culmina a súa acción investigadora e divulgadora sobre a arte dos esgrafiados que ambienta esta publicación de máis dun cento de páxinas, ilustradas con variada tipoloxía gráfica que se converte nun suculento libro de arte, da máis inmediata investigación sobre os esgrafiados do noso rural. Daquilo que observamos nas fachadas e paredes de construcións arquitectónicas, eses suntuosos e opulentos esgrafiados que tipifican unha das obras de arte popular máis interesantes que descubrimos en varias xeografías galegas, en concreto na Ribeira Sacra.

Procurar, estudar e inventariar todo un volume de esgrafiados que encontramos neste libro que recolle todo un contexto de admirábeis murais de alta precisión esquemática e con figuras antropomorfas e con diversas especies da flora e da fauna que resaltan estas composicións gráficas recollidas por López Sotelo e vindas das maos destras de artistas, nada secundarios, capaces de esquematizar esas figuras tan atractivas que toman un carácter inxenuo e imprevisto. Mais nestes formatos prevalece e resplandece esa ánima de pobo asentado na verificación dun herdo que nos transmite a presenza artística do noso rural. Unha testemuña de temas e vivencias tan especiais como xenuínas nesas escenas de caza e a presentación e exaltación de animais produtivos como vacas, cabras, ovellas, galiñas, fauna a protexer nestes relevos. Tamén aparece a fauna depredadora a combater, como o lobo ou o raposo, dunha maneira persistente. Aquí permanecen temas lúdicos como romarías presididas por músicos e danzantes, entre outros temas populares.

Portada do libro. (Foto: XLG)

No libro aparecen incontábeis escenas que naturalizan e manteñen vivos diversos temarios, nada residuais, do cotián que particularizan soberbios decorados que recobran vida silenciada e perdida nesa dinámica concepción que tiñan os esgrafiadores que visualizaron unha serie de realidades que patentaron nestes áticos murais. Toda unha ética transferida a esa monumentalidade estética, tantas veces degradada e que ten os seus respiros dos que podemos visualizar o noso macrocosmos, tan particular que nos ofrenda a Ribeira Sacra, pola que Mar López rebusca neste grandioso e particular patrimonio artístico, etnolóxico e antropolóxico do cal podemos visualizar numerosos esgrafiados que modulan as elocuentes e pétreas paredes, que exhiben o labor formidábel dunha arte, non admirado e estudado debidamente, no contexto galego. Nesta dirección, merece recoñecer a seus autores nas súas particulares expresións tan intuitivas na creatividade e vocación do que non debe esmorecer.

Era preciso un estudo que escudriñase e revelase con precisión eses encintados que Mar López Sotelo estuda meticulosamente, un tecido de pormenores que dimensiona neste relevante tratado: “Esgrafiados en la Ribeira Sacra y el Camino de Santiago”. Un texto pedagóxico e dixeríbel, capaz de adentrarnos nas entrañas da tradición decorativa que tivo un activo enorme de esplendor e funcionalidade no chamado modernismo ou Art Nouveau, con enorme expansión en Europa e América. A oferta de Mar López Sotelo solventa unha enorme retrospectiva nun estudo que engade e diversifícase extensos contidos que debe observar o lector. Nesta dirección, a autora percibe e manifesta esa enorme creatividade e diversidade de modelos que revela no capítulo: “Esgrafiados: El descubrimiento”. Un estudo tutelado polo famoso arquitecto, arqueólogo e conservador-restaurador, Leopoldo Torres Balbás, no que sinala: “Conservar los edificios tal como nos han sido transmitidos, preservarlos de la ruina, sostenerlos, consolidarlos, siempre con un gran respeto a la obra antigua: nunca complementarlos ni rehacer las partes existentes”.

Neste capítulo, López Sotelo entra nunha serie de pormenores sostíbeis para manter viva a enorme creatividade que se espalla por todos os espazos da Ribeira Sacra, no que se mergullou nunha investigación fecunda, con criterios moi pragmáticos e moi agardados neste temario, para a sostibilidade e respecto dunha das artes nada secundarias -reitero- e que amosan esa acción decorativa de grande alcance que no primeiro capítulo leva aos lectores a eses perfís históricos dos esgrafiados que complementaron a arte arquitectónica e suntuosidade de volumes que conforman un altivo grado de universalidade que nos mostra a nosa investigadora, como son eses modelos que responden a un tempo e a un espazo cíclico enormemente privilexiado. Esgrafiados temporais do século XVII e XVIII, espaciais como o que nos mostra de Suíza, onde se salientou unha tradición moi sustentábel e particularizada; igual que en Alemaña, Francia, Holanda, Portugal, entre outros lugares que cita Mar López, e que particulariza a presencia dos esgrafiados en diversas xeografías do Estado español, incidindo unha enorme riqueza estética que suxire respecto á súa orixinalidade e sen atentar a seu estado e estadio funcional.

Mais o inventario superior de esgrafiados de Mar López Sotelo está centrado -como o título indica- na Ribeira Sacra, das dúas bandas do río Miño, así como das ambas orelas do río Sil. Prestando atención aos localizados nos concellos de Chantada e Taboada, onde percibimos distintos motivos figurativos que exaltan costumes labregas deste medio. O Saviñao sustenta un enorme achádego formativo de figuras naturalistas, xeométricas, costumistas e populares que responden a unha cultura moi aferrada á labregancia. Pantón e Sober proporcionaron á investigadora e autora deste libro, elementos cos que ela sustenta unha publicación de enorme intensidade que emite presenza e saudade de nós mesmos. De min sei recoñecer a emoción daquel esgrafiado ou encintado branco que cubre a fachada da casa grande de Podente, da que eu era o máximo beneficiado, dado que estaba orientada cara a miña casa, dando relevo aos brillos de granito, unha especie de nimbo sagrado dando realce a esa forza lítica que inspira tantas emocións do herdo que sustentou a miña nenez. Enriba deses esgrafiados, na cornixa da parede, había niños de andoriñas desde onde saían solemnes arrechouchíos.

De sumo interese o prólogo de Enrique Sampil e a introdución de Rafael Ruiz Alonso, que nos axudan a penetrar e interpretar a simboloxía desta excelente obra. Grazas Mar, por recuperar esa benemérita expresión de esgrafiados que xa dábamos por desapercibida. •

900 ANOS DA CONSTRUCIÓN ROMÁNICA DE PESQUEIRAS MCXX-MMXX (I)

Igrexa, priorado ou mosteiro. Por estes tres nomes se coñece o templo de Santa María de Pesqueiras, construído nun lugar recatado e guarnecido polos repregues ribeiraos do Miño. Este mosteiro está entre impoñentes rochedos, como o de Vidal, e entre abondosa e suxestiva vexetación, na que abundan milenarios castiñeiros e carballos; con regatos e regadas que conforman fonteiriñas e son vitais para a fertilidade destas ribeiras. Neste espazo, anacoretas e cenobitas crearon seu hábitat espiritual. Dependían da produción agrícola que eles fomentaron e articularon. Este recuncho é un de tantos que os cenobitas habitaron ao longo da nosa Ribeira Sacra.

O illamento de Pesqueiras crea un microcosmos sen dúbida adecuado para un estábel comunitarismo monacal. O cenobio que había neste lugar nos albores do románico foi reformado en 1120 por Xoán Mateu Doals. Estamos falando xa do mesmo templo que observamos hoxe? Un dos máximos estudiosos do románico galego, o profesor Ramón Yzquierdo Perrín, sitúa a construción do actual mosteiro nun período máis tardío a 1120. Nunha inscrición que apareceu nesta igrexa, citada por Cornide, aparece a palabra: Restauravit, e non: me fecit. Isto podería indicar unha reforma anterior á construcción que observamos hoxe. O actual mosteiro presenta grandes proporcións, tal vez para acoller unha comunidade bastante importante de monxas bieitas, as famosas toquinegradas, como vulgarmente se lles coñecía. Segundo Francisco Vázquez Saco, este é un dos templos máis belos do románico rural. Nicanor Rielo Carballo, polo contrario, sinala que ese apelativo de rural non corresponde á grandilocuencia do mosteiro de Pesqueiras.

Sinalemos que a decoración dos seus capiteis, arcadas e cornixa responden máis a un templo de orientación cisterciense que bieita. Polo tanto, toca falar dunha construción xa case metida no século XIII, prototipo do románico culto e universal cultivado no Midi francés e que entrou en Galiza polo Camiño de Santiago. O noso románico de matiz ruralista é outra cousa ben diferente ao que se contempla en Pesqueiras.

Rigor e austeridade tipifican as construcións do Císter e parece que esa tendencia e estilo foi a que se impuxo neste lugar. A flora que se proclama na súa decoración, asistida por elementos xeométricos, ten unha correspondencia nos formatos cistercienses. Lembremos que na Apoloxía de San Bernardo, atopamos dúas encomendas contra a iconografía zoomórfica, da cal comenta: “Pero nos capiteis dos claustros, onde os irmáns fan lectura, qué razón de ser teñen tantos monstros ridículos, tanta beleza deforme e tanta deformidade artística”. O mesmo Bernardo de Claraval, no Libro sobre o amor de Deus, enfatiza: “Estas novas flores e froitos, son a fermosura dos campos, que exhalan tan finas fragrancias”, referíndose á nova estética iconográfica que el recomendou e orientou.

O formato escultórico do notable templo de Santa María de Pesqueiras está en consonancia ao predicado de San Bernardo. Por iso é que atopamos aquí todo un canto a natureza vexetal promovido polos cistercienses, recoñecidos como os ecoloxistas da Idade Media.

Este antigo mosteiro, forma parte da miña vida, xa que descubrín esta espectacular arquitectura románica cando eu só tiña seis anos, nunha noite escura de marzo. Viña co meu pai e outros homes da poda das vides da nosa viña, situada nos rentes do río Miño, en Lagares. Naquel tempo, a parte exterior do templo estaba caleado, e a súa brancura, naquela noite fusca, impactoume e tamén o feito de que aqueles homes mudaron a súa barulleira conversa por un auto imposto silencio, que uniron ao da frondosa natureza do entorno. Lembro con saudade cando aos meus dez anos, o meu pai manifestoume, facendo unha observación das alzadas columnas: “Olla, olla ben como traballaba a romanía. Aqueles garabatos da cima son follas de arbores”.

Aqueles encontros foron os primeiros de moitos, algúns de carácter místico e misterioso, como cando, neste presbiterio escuro, os cánticos fúnebres en gregoriano, apoderábanse da inmensa nave. Coido que este espazo natural de Pesqueiras, co seu santuario de pedra resplandecida nos meus ollos e nos meus soños, colaborou a crear en min un espírito panteísta e un interese precoz de indagación; sempre teimei que aquelas esculturas estaban alí para durar e para falarnos ás nosas retinas de mensaxes misteriosas, que as pedras sempre gardan para a nosa sorpresa.

Na porta sur, contemplamos unha excelente expresión do románico pleno, unha serie de elementos austeros e vigorosos que nos colocan nun escenario de elementos fitomórficos e xeométricos, moi semellantes aos das igrexas a ambas bandas do río Miño, a seu paso polas terras da comarca de Chantada, do Saviñao e Pantón. Nesta porta hai formatos de liñas verticais e círculos así como tres elementos esféricos observadas tamén noutros capiteis deste templo.

O capitel da dereita desta porta ten unha serie de liñas verticais na que se destacan varios símbolos que aluden directamente á conexión entre o universo celeste e o terreo. Estas verticais indican un estadio de elevación e reafirmación espiritual. As tres volutas en cada vértice do capitel proclaman un estadio elevado de carácter iniciático.

A continuación deste capitel, entramos noutro fitomórfico cuxa protagonista é unha folla de palmeira, símbolo da Igrexa mártir dos primeiros tempos do cristianismo e á cal lle conferiron carácter sagrado aos primeiros pais daquela Igrexa. A simbólica medieval atribuíulle tamén o significado do triunfo de Cristo, da súa cruz e, polo tanto, da salvación do ser humano. Lonxe de pretender ser un elemento puramente decorativo, o reclamo desta palmeira é remitirnos a toda a doutrina de significados depositada nesta árbore. Usábanse para ovacionar ou recibir a persoeiros importantes na antiga Palestina e pasou a integrarse en certos aspectos sociais e litúrxicos entre os cristiáns.

O templo de Xerusalén que Salomón mandou construír, como se sinala no Libro Primeiro dos Reis 6, 32: “Nas dúas follas das portas de oliveira fixo gravar baixorrelevos de querubíns, de palmeiras e de guirnaldas de flores, e recubriunas de ouro, ben axustado ás entalladuras”. Cando o profeta Ezequiel 41, 18-28, danos a dimensión do santuario, expresa: “Os querubín tiñan dúas caras: unha cara de home en dirección á palmeira, do outro lado. As esculturas estaban sobre todo no santuario por todo o arredor. Desde o chan ata o van da entrada había querubíns e palmeiras esculpidas”. ¡Tal era a parede do santuario!”

A folla de palmeira que se representa no capitel desta porta sur, na súa parte central e en vertical, está constituída por nove elementos esféricos, o superior guarnecido pola propia folla e de maior tamaño que o resto. Representa as nove esferas celestes, as tres tríades ou número da transmutación. O nove foi un número clave e secreto para os templarios, catalogado como o número da absoluta perfección e relacionado coas estancias celestes. Na simbólica cristiá adquiriu este número diversos valores benéficos e unha serie de prácticas populares supersticiosas.

No primeiro capitel da esquerda están representadas tres follas de fento. Esta planta, tan presente nos campos ermos de Galiza, tamén ten apousento pétreo na arte románica, tanto a nivel decorativo como simbólico, como atributo de soidade e humildade. Non imos entrar nas propiedades botánicas dos fentos, mais diremos de pasada que na Idade Media lle outorgaron tanto no campo da medicina como no eido moral unha representación beneficiosa. Esta planta humilde e acubillada baixo a sombra de fragosos soutos e devesas convivía cos labregos e viñateiros das ribeiras de Pesqueiras. •

© Texto de Xosé Lois García, do seu libro: “Simboloxía do románico de Chantada” (2010).

900 ANOS DA CONSTRUCIÓN ROMÁNICA DE PESQUEIRAS MCXX-MMXX (II)

Capitel fitomórfico de Pesqueiras.

As videiras na arte románica evocan diversos aspectos da doutrina eclesiástica, a nivel moralizante. Por exemplo, esta videira tan robusta, con seus tres xermolos de primavera, lévanos a un dos textos líricos máis belos do profeta Isaías 5, 1-7: “Voulle cantar ó meu amigo a canción do meu amor á súa viña. Tiña o meu amigo unha viña nunha das fértiles ladeiras. Cavou, quitoulle as pedras, e plantouna de cepa selecta; construíu no medio dela unha torre e tamén dispuxo dun lagar; esperaba que dese boas uvas, pero só llas deu agraces. E agora, habitantes de Xerusalén e homes de Xudá, facede, por favor, xuíces, entre min e a miña viña. Que máis lle puiden facer á miña viña que non llo fixera?”. A metáfora deste texto foi unha ferramenta habitual na prédica medieval e posterior.

Das numerosas citas sobre o viño que desfilan a través da Biblia, non podemos deixar de mencionar a de Xesús de Nazaret, en Mateu 26, 28-29, na última cea: “Que isto é o meu sangue, o sangue da Alianza, vertido por todos para o perdón dos pecados. E asegúrovos que desde agora non volverei a beber este producto da viña ata o día que o beba, noviño, convosco no Reino do meu Pai”.

A vide está así mesmo na parábola do Evanxeo de Xoán 15, 1-4: “Eu son a verdadeira vide, e meu Pai é o labrador. O xermolo que en min non leva froito, arríncao; e o que leva froito, límpao, para que leve máis froito aínda. Vós xa estades limpos, pola palabra que vos teño falado. Permanecede en min e eu en vós”. Aplicando esta lectura ao deseño que ollamos neste capitel, comprobamos que estas varas de videira están completamente limpas e os tres xermolos completamente esveltos e en movemento, seguramente en alusión á referencia evanxélica.

Na imposta deste capitel encontramos varios motivos que representan o cereal eucarístico; como pequenas esferas nas que converxen, desde cada lado, liñas verticais e de alto relevo, que teremos ocasión de comentar noutras igrexas da comarca de Chantada, nas que se suceden constantemente.

Se sumamos dos catro capiteis os tres motivos circulares ou esféricos que conteñen na súa parte superior obteremos doce, número alusivo ao tempo cíclico e sagrado, así como aos dos doce apóstolos. Tamén teremos ocasión de tratar este tema noutros formatos de igrexas.

A arcada desta porta condúcenos a falar, aínda que sexa brevemente, da simboloxía das portas. Con anterioridade, mencionei na introdución do meu libro, “Simboloxía do Románico de Pantón”, varios conceptos e significados da porta para quen a traspasaba, que era como acceder ao ceo aberto. Para os crentes, os arcos do pórtico eran como o ceo aberto no que habitaban as ánimas. Cada arco simboliza unha fase das bóvedas celestes representadas polos números 8 e 9; e o tímpano representa a morada do Pai Eterno; sobre o mesmo represéntanse habitualmente temas relacionados con seus atributos e poderes que, no caso deste tímpano, non existen.

As estancias celestes onde moran as almas dos crentes, están mencionadas no Evanxeo de San Xoán 14, 2-4: “Na casa do meu Pai hai moitas moradas; doutro xeito, teríavos dito que vos ía amañar un lugar? E cando vaia e vos amañe un lugar, voltarei e collereivos comigo, para que, onde estea eu, esteades vós tamén. E a onde eu vou, vós ven sabéde-lo camiño”. Sobre esta cita evanxélica, Hildegarda de Bingen (1098-1179), nos “Libros das Obras Divinas”, comentou unha das súas visións: “A cita (Xoán 14,2-4) hai que entendela así: cando o Fillo de Deus promete a vida eterna aos crentes, dixo: Na casa do ceo, que é a casa do meu Pai, hai unha infinidade de estancias segundo os méritos de cada home, de tal maneira que cada un terá a súa estancia se na vida corporal buscou a Deus a través do amor que lle profesou”.

Abandonamos aínda na descrición das atribucións que lle foron dadas dos templos cristiáns, tomando como directrices as palabras de Xesús. No Evanxeo de Xoán 10, 9, di: “Eu son a porta; se alguén entra por min, salvarase; entrará e sairá e atopará pasto”. Tamén representa a porta dos xentís como se menciona en Os Feitos dos Apóstolos 14, 27. No Apocalipse 4, 1-2, menciónase a visión que o apóstolo e evanxelista San Xoán tivo en Patmos, falando da utilidade da porta: “Despois disto mirei e vin unha porta aberta no ceo; e a primeira voz, que oíra como unha trompeta, falando comigo, dicíame: ‘Sube aquí que che vou amosa-lo que ten que acontecer despois disto’: Axiña caín en arroubo. E velaquí un trono posto no ceo e un sentado no trono. Quen teña oídos, escoite o que o Espírito lles di ás igrexas”. Tamén, no Apocalipse 3, 8, di: “Coñezo as túas palabras –olla que te puxen diante unha porta ben aberta, que ninguén pode pechar-; coñezo que tes pouca forza, e mesmo así, cumpríche-la miña palabra e non me negaches”.

Nun lintel dunha das portas de San Juan de la Peña (Huesca), hai a seguinte inscrición en latín: “PORTA PER HANC COELI FIT PERVIA QUIQUE FIDELIS SI STUDEAT FIDEI IUNGERE IVSSA DEI”. (“Por esta porta, calquera fiel pode gaña-lo ceo se afonda na fe e capta os designios de Deus”).

Por tanto, son moitos os reclamos para atraer ao xentil e introducilo no espazo sagrado que ofrecen as naves das igrexas, a través sempre da porta.

Nesta arcada de Pesqueiras insístese na expresión fitomórfica e xeométrica, por medio de follas estilizadas que se entrelazan, no primeiro arco. A seguir, hai un trenzado de liñas que converxen no centro, pola banda superior. A continuación deste motivo, atopamos outro que exhibe numerosas circunferencias e na parte superior elementos cruciformes. Prototipos, todos eles, de lugares celestes nos que habitarán as almas dos que se salven, segundo a promesa de Xesús.

Hai que dicir que estamos ante uns motivos escultóricos típicos do románico compostelán, da escola do mestre Mateu, que deixou pegada en varias igrexas e mosteiros do entorno. Tanto as follas como a lacería desta porta de Pesqueiras coinciden cos do pórtico do veciño mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Miño. Este motivo repítese nas igrexas de Santa María do Sar, Portomarín e Serantes, entre outras. O escenario naturalista da arcada do pórtico de Pesqueiras ubicámonos nun período álxido de resplandor, no tránsito do século XII ao XIII.

Nesta porta de Pesqueiras, como noutras igrexas, rente ao chan, había unha pedra ou largueiro que ía dun extremo a outro e que podía parecer unha protección para evitar que entrase ao interior choiva ou outros residuos. Agora as modificacións do chan exterior afectaron a esta pedra, que foi retirada. Falamos do importante e intocábel limiar, tan sacralizado no templo de Xerusalén e que estaba protexido por funcionarios sacerdotais, que evitaban que fora profanado e, mesmo, pisado. O limiar foi unha das pedras máis sacralizadas tanto nas sinagogas antigas, como nas mesquitas e igrexas. J. G. Frazer, no seu libro “O folklore no Antigo Testamento”, lle dedica un capítulo, no que analiza o que significou para moitas relixións e credos a pedra limiar, na que ninguén se podía sentar e menos pisar. No Israel das Crónicas, quen pisara este limiar era condenado a morte.•

00 ANOS DA CONSTRUCIÓN ROMÁNICA DE PESQUEIRAS MCXX-MMXX (III)

• No capitel da dereita desta fiestra destacan tres tríades nas que se perfilan tres liñas, con tres puntos esféricos, cada unha. Volvemos á reiteración dos números sagrados, tres e nove. No capitel da esquerda atopamos a reiteración do fento con tres follas e con tres puntos esféricos; sumados aos nove do capitel da dereita, obteremos o número doce, tamén comentado. Se sumamos este doce do capitel, aos outros doce que se representan na base o resultado será de vinte e catro. Así estaremos no número que representa a harmonía e a totalidade do tempo, as doce horas do día e as doce da noite, símbolo da orde cósmica e dos vintecatro anciáns do Apocalipse. Lembremos que no Pórtico da Gloria, do mestre Mateo, está sometido á consideración do tempo cósmico, ordenado e dirixido por Deus e neste caso, o pantocrátor do Pórtico compostelán está no centro do coro de anciáns. “Arredor do trono vin vintecatro vellos, vestidos de roupas brancas e coroas de ouro nas súas cabezas” (Apocalipse 4, 4).

A abertura da fiestra recibe o primeiro sol nacente, en honra do Cristo solar e dador de luz: “Eu son a luz do mundo: quen me segue, non andará ás escuras, senón que terá a luz de vida” (Xoán 8, 12). As citas que relacionan a luz con Cristo son numerosas, esta, do evanxelista Xoán, é das máis coñecidas. Esta fiestra, que ocupa o centro da ábsida e ilumina o presbiterio, ten especial relevancia. Pola parte superior presenta un seme arco, de baixo relevo, no que se manteñen catro medios arcos, que poderían facer alusión aos catro puntos cardinais.
No arco principal aparecen os esféricos e no seu centro unha cruz e no arco superior a representación do cereal, o cal xa mencionamos e sobre o que abondaremos cando tratemos da igrexa de Camporramiro.

Na fiestra norte absidal, os elementos vexetais están na orde e repítense formatos xa comentados, como o dos fentos e das palmeiras, que teñen nesta fiestra particular protagonismo. Sobre o arco, atopamos, no seu centro, un elemento esférico, símbolo do universo e da totalidade de Deus, como creador e sustentador do mesmo. Mantense o elemento cruciforme como os que temos comentado, mais este é de maiores dimensións e está protexido por seis follas triangulares. As dúas inferiores foron eliminadas nunha intervención posterior. A esfera representa así mesmo a unidade e o indivisíbel, o eterno e o inmutábel na orde cósmica, sen tempo e sen espazo, na interpretación dos platónicos.

Nos laterais da fiestra como guarnecendo o centro esférico, hai dúas circunferencias que conteñen, cada unha, unha lacería que conforma seis pequenas circunferencias en todo o perímetro. Regresamos de novo ao doce. Nos dous arcos, repítense, de novo, os esféricos cruciformes e a representación do pan.

Despois desta fiestra e continuando pola banda norte, xa no lateral exterior da nave, atopamos outra. En seus capiteis repítense motivos na fiestra do lateral sur e, sobre todo, dos que contén a porta sur. Destacan, na parte superior, tres circunferencias flanqueadas por seis elementos circulares. Volvemos ao doce apostólico. No medio destas dúas circunferencias hai un punto esférico. Na parte superior do arco mantense a mesma simboloxía que nos anteriores co temario dos esféricos e cereal.

A última fiestra deste lado norte, xa preto do frontal, perdeu a base, o fuste e o capitel da banda dereita. O da esquerda é un formato que xa fica referenciado. A ornamentación dos arcos é a da maioría, puntos esféricos e cereal.

Os modillóns da cornixa gardan unidade e presentan unha curvatura vertical con extremos de forma cadrada, e no seu centro curvado forma triangular. A verticalidade conecta o ceo e a terra e xa formaba parte da simboloxía máis antiga dos sumerios, que ligaba á transcendencia activa. En contraposición á liña horizontal, que representa unha posición pasiva, incluso negativa. Dous elementos xeométricos que exemplifican o pensamento dual da Idade Media.

No interior deste mosteiro de Pesqueiras, impresiona a grosa parede do arco toral, e nela locen dúas columnas que sosteñen respectivos capiteis. O da dereita representa follas de acanto. O mestre de obras de Pesqueiras preséntanos neste capitel un temario clásico, tan usado polos escultores asirios, etruscos, e, na arte grega, co suntuoso corintio.

Entre as propiedades sanitarias que os antigos atribuíron ao acanto está a curación da disentería, inflamacións e abrandamento de quistes. Nos primeiros séculos do cristianismo se lle deu relevancia polas espiñas, relacionadas coa coroa de Cristo e, ademais, como elemento de protección da fe. Ákantho é un termo grego que significa espiño, as súas flores son brancas, a cor da pureza. Ademais é perenne e representa a intemporalidade, inmutabilidade e inmortalidade de Cristo. As espiñas representan, na simboloxía cristiá e, sobre todo, na arte románica, a protección de algo que non pode ser vulnerado, unha maneira de escudo que guarnece aos fieis, tal como se destaca nos sermóns de Santo Antonio de Lisboa ou de Padua.

San Isidoro de Sevilla (560-636), menciona nas súas Etimoloxías: “O acanto é unha planta exipcia sempre verde, chea de espiñas e cun tallo flexíbel. Á imitación dela lévanse adornos nos vestidos chamados acanthinae”. Pois as vestes cristiáns do século VII exhibían habitualmente este adorno. Na parte superior matízase a inmortalidade nesas dúas espirais que se concretan nas follas punteadas.

Nesta primeira arcada que estamos comentando, o capitel é liso e nos seus dous vértices superiores reprodúcense novamente espirais. Teremos ocasión noutros exemplares de abondar no tema.

Xa dentro do presbiterio e na segunda arcada, o capitel da dereita reitera a mensaxe do acanto, nunha tipoloxía moi semellante á que xa comentamos.

No capitel da esquerda, aparece un formato de palmeira con dúas enormes ramas unidas por un robusto tronco, en cuxo centro hai tres elementos esféricos. O seis representa o equilibrio, a balanza da xustiza divina. A cada lado deste tronco contamos cinco liñas verticais (o Decálogo) que representan as dúas follas.

Estas catro columnas do presbiterio, como as catro do exterior, minimamente comentadas, representan aos apóstolos e, por extensión, á xerarquía eclesiástica. San Paulo, en Gálatas 2,9, di: “e cando recoñeceron a gracia que se me concedera, van Santiago, Pedro e máis Xoán (as columnas coma quen di) e déronno-la man a min e a Bernabeu como sinal de solidariedade. De xeito que evanxelizarvos ós non xudeus correse pola nosa conta”.
Mesmo no centro do presbiterio, espazo reservado aos oficiantes da liturxia, érguense esas catro columnas testemuñando os catro evanxeos, e os catro puntos cardinais receptores da palabra de Deus.
Na primeira fiestra sur, no interior do presbiterio, os seu dous capiteis nos ofrecen elementos eucarísticos, a videira e o cereal. As follas de acanto aparecen de novo nos capiteis do centro do presbiterio, na fiestra central. Nos capiteis da fiestra da esquerda deste presbiterio repítense símbolos xa comentados.

900 ANOS DA CONSTRUCIÓN ROMÁNICA DE PESQUEIRAS MCXX-MMXX (IV): PINTURAS RENACENTISTAS, PANTOCRÁTOR E ANUNCIACIÓN

Pantocrátor de Pesqueiras.

No incomparábel entorno da igrexa románica de Santa María de Pesqueiras (Chantada), a paisaxe harmonízase en soutos e videiras e por ese xacemento lítico erosionado polos ventos milenarios, que custodian e guarnecen unha das afortunadas reliquias da arte sacra de fai máis de oitocentos anos de existencia que se destaca nese promontorio de pedras labradas, onde o silencio máis íntimo deste recuncho onde anacoretas e cenobitas, en tempos idos, deron orixe ao actual mosteiro de Santa María de freiras bieitas.

Mais o viaxeiro, o buscador do románico que entra no rectángulo do adro, atopará a porta maior aberta, porta coelis, dando as costas cara occidente, lugar da posta do sol e das tebras, con dirección cara oriente, lugar da luz. A traspasar o pórtico e ollar a inmensa nave escura, ficará atraído por esa figura luminosa que ocupa o centro máis alto do presbiterio que é o pantocrátor: Deus creador, salvador e Pai Eterno, con tantas connotacións e fusións na figura de Cristo. Velaquí a imago Dei: a imaxe de Deus revelando o misterio da creación do home e o portento de Deus, configurado nesta plástica do pantocrátor, que se expresa na figura do home, imaxe e semellanza de Deus, tal como podemos ler no Xénese 1, 26: “Despois dixo Deus: -Fagamo-lo home á nosa imaxe e á nosa semellanza”.

Antes de máis, digamos que o pintor anónimo de Pesqueiras era un renacentista coñecedor da arte clásica e tamén da simboloxía que precedeu a este estilo e que proviña da tradición do románico e do gótico. Ademais nos revela seus coñecementos puntuais sobre textos bíblicos, patrísticos, escolásticos teologais do medievo. O executante deste pantocrátor lévanos de inmediato ao texto de Ezequiel 1, 26-28 que transcribimos: “No alto da plataforma que estaba sobre as súas cabezas, velaí a visión dunha pedra de zafiro da forma dun trono e sobre esta especie de trono sobresaía cara arriba unha figura co aspecto dun home. Desde o que aparecía a súa cintura para arriba, vin como o resplandor do ouro branco, como unha especie de lume que lle servía de marco arredor; e desde o que parecía a súa cintura para abaixo, vin como unha especie de lume e resplandor ao seu arredor.”

A configuración desta imaxe do Pai Eterno, en seu alto trono celestial, ten unha dependencia sublime no texto profético que rematamos de ler. E isto achéganos a un escenario moi sensíbel para contextualizar a Cristo como a imaxe soberana de Deus, tal como o explica S. Paulo na II de Corintios 4, 4: “O resplandor do Evanxeo da gloria de Cristo, que é imaxe de Deus”.

Esta cita pauliña ven a colocarnos no limiar de varias cuestións e de varios entornos que rodean ao Pai Eterno e de varios elementos que el posúe na revelación da súa potestade. Interésanos saber desta Maiestas Domini e de seu trono celestial que o pintor, chamémoslle mestre de Pesqueiras, o coloca dentro da mandorla protectora e de nubes que delimitan o espazo do ceo co da terra, que tamén coñecemos como morada eterna de Deus.

A visión mesiánica do profeta Daniel 7, 13-14, pon o acento nesa caracterización que podemos contemplar en certas expresións ou modalidades no que respecta ao pantocrátor, cando di: “Proseguín ollando as visións nocturnas e, velaquí, sobre as nubes do ceo viña alguén semellante a un fillo de home, que se dirixiu cara o ancián e presentouse diante del. Foille outorgado poder, maxestade e imperio, e servírono tódolos pobos, nacións e linguas. O seu poder é un poder eterno, que non pasará nunca, e o seu reino endexamais non será destruído”.

No que respecta ao trono, como habitáculo de Xesús, no Evanxeo de Mateu 19, 28 leemos: “Xesús respondeu: -Asegúrovos que vós, os que me seguistes, cando chegue o mundo novo e o Fillo do Home sente no trono da súa gloria, sentaredes en doce tronos para xulgárde-las doce tribos de Israel”. Deixando atrás conceptos mesiánicos dos profetas que nos anuncian a personificación de Xesús nese trono, a Epístola aos Hebreos 8, 1 di: “Isto é o máis importante do que imos dicindo: que temos un Sumo Sacerdote de tal categoría que tomou posesión do seu trono no ceo á dereita do trono da Maxestade”.

Dixemos ao principio que estaba delimitado por nubes que conforman os lindes entre ceo e terra e que o mestre de Pesqueiras confirma esa limitación nesas nubes espesas e en espiral que rodean o pantocrátor, como elemento de alianza entre Deus e o home. O número de espirais desas nubes, que se confunden con pequenos círculos é de doce, símbolo do número de apóstolos. A través das columnas de néboa o espírito de Deus baixaba á terra así como os seus anxos. Isaías 4, 5 sinala: “Entón o Señor sobre o templo do monte de Sión e sobre a súa xuntanza creará de día unha nube; e de noite, fume e labarada esplendente coma un dosel sobre a Gloria do Santuario”.

Abondan os textos bíblicos sobre as nubes, portadoras de auga e de sombras que diversifican os valores que proceden de Deus, o maná celestial, as lagostas que arrasaron Israel, e tantas outras atribucións que se dan as nubes. As que rodean ao pantocrátor de Pesqueiras predomina o franqueo dos atributos de Deus, mais na composición desas pinceladas menores e de cor gris, mestura do branco e do negro, veñen a representar a morte terrestre e o triunfo do espírito inmortal. Nos miniados medievais e xa entrado o século XVI, os pintores do Xuízo Final utilizaron a cor gris para determinar varios estadios da morte e da inmortalidade da alma. Ao mestre de Pesqueiras non se lle escapa este dato simbólico e menos a tradición medievalista da que bebeu o Renacemento.
Outro dos elementos que conforman este trono de Pesqueiras é a mandorla ou ovo cósmico que rodea e guarnece ao pantocrátor. Este formato simboliza a luz que ilumina a imaxe de Deus e ten correspondencia coa encarnación de Cristo. Esa intensa luz en forma de ovo ou de améndoa vén a representar o principio da creación e mesmo da resurrección, unha síntese do Alfa e do Omega (principio e fin). Na arte medieval e renacentista, da que tratamos, a mandorla envolve e separa a Maiestas Domini para significar os atributos de luz e poder de Deus encarnado en Cristo.

O ovo ten unha connotación de esperanza na vida, tal como interpretou S. Agostiño e outros membros da patrística. Toda esa carga tradicional e doutrinaria foi transcendendo e ampliándose en variadas interpretacións, como a de Hugo de St. Víctor, que opinaba que o ovo era o maior testemuño do nacemento de Cristo e da resurrección.

A Maiestas Domini de Pesqueiras, en seu trono de gloria, singulariza varios atributos que cómpre describir, comezando pola cor branca do seu trono, nubes, mandorla e túnica. A cor da luz do día e de todos os esplendores. Por tanto, cómpre significar que o branco representa a luz e o negro a escuridade. Este concepto dualista predominou nas atribucións simbólicas do ben (branco) e do mal (negro). O branco predomina no trono pictórico de Pesqueiras, do que estamos falando, e, tamén, no vermello, en menor escala. En termos do simbolismo da cor hai que dicir que o branco e o vermello son dúas cores primixenias. O branco simboliza a divina providencia en seu poder de magnificencia e xustiza de Deus. O vermello é símbolo do amor divino.•

SAN VITORIO DE RIBAS DE MIÑO (I)





Quizais non sexa novidade para historiadores e para os que rebuscan en documentos sobre diversos núcleos locais de poboación, como son as parroquias, para interrogar a memoria e construír a crónica escrita do vital da nosa identidade. San Vitorio de Ribas de Miño é un deses entes notábeis do que cómpre esculcar a súa historia. Esta parroquia ocupa unha extensión xeográfica e estratéxica no norte do concello do Saviñao moi importante. Tiña un amplo dominio nas chamadas terras baixas do río Sardiñeira (o antigo territorio do Sardinarius) asentado en toda esa viravolta por onde as augas do Miño serpentean. Esta parroquia estaba denominada como abadía, freguesía, coto e xurisdición, tal como consta en varios documentos e, sobre todo, no Catastro de Ensenada (1753), no que se relatan unha serie de elementos moi determinantes sobre a configuración de varios perfís e atributos que esta parroquia tivo no século XVIII. Un século que acumulou para a historia local non poucas referencias de seu status señorial e eclesiástico.

O Catastro de Ensenada referencia varios elementos da vida labrega e ribeirá de San Vitorio de Ribas de Miño, que entrañan a súa personalidade, constatada dentro dunha xeografía con connotacións sociais e económicas moi peculiares. Sinala temas moi elocuentes do seu perfil, como estaban plantadas as árbores: “sin orden ni regla, dispersos e extendidos”. Ademais, que o territorio tiña 6.154 ferrados de sementeira de varios produtos, e de viña 350 ferrados, polo que caracteriza a esta terra de ser opulenta en pan e viño. Hai curiosidades que poden interesar aos estudosos, como son os prezos dos produtos que esta parroquia poñía no mercado rural. O ferrado de centeo valía tres reais de vellón; o canado de viño, nove reais de vellón; unha galiña, dous reais; un ferrado de castañas secas, catro reais e medio; un porco cebado, trinta reais; un cabrito, tres reais; un cuartillo de manteiga, tres reais. Ademais contaba esta parroquia e coto xurisdicional con cinco muíños fariñeiros dunha roda ou moxega. O mel o producían sesenta e tres colmeas, propiedade de trece veciños. Había unha taberna que rexentaba Simón Vigo, tamén aparece citado como estanquilleiro. Tamén fala dunha barca de transporte de persoas e animais que cruzaba o Miño polo lugar de Porto (asolagado polo encoro de Belesar en 1962). O dito Catastro de Ensenada di textualmente sobre esta barca: “Hay una barca que sirve para pasar gente y caballerías el río Miño en el sitio Porto Sardiñeira donde se paga por cada persona cuatro maravedís y por cada caballería ocho, la que es propia de Antonio Fernández a quienes se le regula de utilidad por ella en cada un año trescientos reales de vellón y a los barqueiros Domingo Monte Agudo y Fhelipe Rodríguez a cada uno cien reales”. O salario dun xornal era de dous reais nesta xurisdición.

O poder eclesiástico, en San Vitorio de Ribas de Miño, tiña uns atributos moi personalizados na recadación de produtos que recollía a igrexa en concepto de dezmos e primicias. Coidamos que a riqueza eclesiástica que posuía a abadía de San Vitorio de Ribas de Miño no século XVIII procedía do dominio e privilexios que tiña o antigo mosteiro. A súa igrexa de estilo románico conta coa enorme casa da Abadía, máis tarde reitoral. Este patrimonio obríganos a pensar no poder eclesiástico desta freguesía. O Catastro de Ensenada fala de que tiña un cura párroco que administraba os sacramentos e catro clérigos “mercenarios” (coido que quer dicir mercedarios). O dito documento catastral subliña que o párroco cobraba pola lutuosa un carneiro ou seu equivalente. Faise cita dos froitos e gando de cría que o párroco cobraba por eles o dezmo e recibía por cada vaca dez maravedíes. De primicia pagaba cada casa un ferrado de centeo. Os que “labraban con xuntas de vacas” pagaban con dous ferrados de castañas secas cada ano. Os habitantes desta parroquia pagaban primicia á catedral de Santiago, por “razón de voto”.

Estas circunstancias eclesiásticas desde os monxes do medievo pasando por priores, abades e párrocos xerouse unha valiosa documentación sobre rendas, foros, ventas e cesións, preitos, contratos, arrendos e un longo etc. que se custodia no Arquivo Diocesano de Lugo. Un valioso legado documental que non disimula o dominio e o patrimonio que tiña esta abadía. Este eficiente fondo é sumamente importante e eficaz para reconstruír con rigor o estado feudatario da abadía e coto xurisdicional de San Vitorio de Ribas de Miño. Esta parroquia tiña como anexo a de Santa María de Segán, compartindo entre as dúas a documentación de bautismos, matrimonios, defuncións, confirmacións e de fábrica. Mais o legado documental desta parroquia que se garda no devandito arquivo consta de catro mazos, ben individualizados, que suman 244 documentos. Un dos primeiros está datado en 1548. Este fondo documental é un dos máis importantes das parroquias da diocese de Lugo.

Ademais da referida igrexa románica, San Vitorio contou con varias capelas como a de S. Xoán de Porto, situada entre o Miño e a foz do Sardiñeira, asolagada polo encoro de Belesar. A máis importante delas está situada na cimeira da chaira, na terra alta do lugar do Val, dedicada á Virxe de Guadalupe. Trátase dun enorme santuario fundado polo abade, Pedro Losada Prado de Sotomaior, tal como se manifesta nun documento do 12 de xullo de 1775, ano do inicio das obras, sendo bispo de Lugo o catalán Francesc Armanyà i Font, un activo xansenista e agostiño, enorme azoute contra os xesuítas, fundador da Real Sociedad de Amigos del País de Lugo, destacou en diversas e dativas obras como este Santuario de Guadalupe. Un edificio que manifesta moi pouco o barroco galego. Tendo en conta que o barroco galego de Casas e Novoa, arquitecto da fachada do Obradoiro, identificouse con certas manifestacións e tendencias decorativas que chegaron dos templos barrocos construídos en México. Nada ten a ver este conxunto arquitectónico con esa tendencia. A ornamentación dos retablos e a policromía dos mesmos matízanse formatos expresivos do que se estaba construíndo nos santuarios mexicanos no século XVIII.

É curioso que a Virxe de Guadalupe, aquela que no medievo apareceulle ao pastor, Gil Cordero, xunto ao río Guadalupe en Cáceres, tivo connotación colonial a ser reinventada outra aparición en México polo seu bispo, o franciscano e erasmista Frei Juan de Zumárraga, natural de Durango, que exerceu como prelado de México de 1528 a 1548, el foi o que marcou unha liña de evanxelización cara a integración dos indios, poñéndoos baixo o padroádego da Virxe de Guadalupe, que se lle apareceu ao indio cristianizado Juan Diego no cerro de Tepeiac, o 9 de decembro de 1531. O tan famoso Juan Dieguito, o das aparicións, fecundou unha historia relixiosa moi atractiva para os indios, modelada e potenciada por Juan de Zumárraga. Sen este prelado, non sería posíbel tan entrañábel e exótica aparición.

A aparición da Virxe en México foi tan eficaz, que se repetiron en moitos lugares e erguéronse santuarios coa advocación de Guadalupe. Quizais en S. Vitorio de Ribas de Miño se lle apareceu a algún pastor de ovellas, a un viñateiro errante e bébedo, ou a un fatigado labrador do Val. Quen o tiña que saber era o párroco, Pedro Losada Prado de Sotomaior, interesado fundador, mais finou co segredo de non descubrir ao agraciado. A este santuario peregrinou unha solícita multitude desde longas terras, como as de Chantada, que cruzaban o Miño na barca de Porto, subían a ribeira e chegaban ao santuario, sobre todo das parroquias limítrofes: San Fiz, Pesqueiras, Merlán, Sabadelle, Pedrafita e das veciñas terras de Taboada, que repetían andaina de ofrecidos o 25 de marzo. Mais a festa grande repítese o 8 de setembro.

Nesta parroquia naceu Frei Xerardo Xosé Andrés Vázquez Parga, bispo de Salamanca de 1807 a 1821. Tocoulle un período de disidencia política, coa invasión francesa tivo que refuxiarse, e con motivo da batalla dos Arapiles ausentouse da cidade. Na etapa máis reaccionaria de Fernando VII, Vázquez Parga, xa metido en anos, foi un home pasivo e contrario á Constitución de 1812. Curiosamente, o seu sucesor na sede salmantina foi Lorenzo Varela de Temes, natural de Sabadelle (Chantada), parroquia estremeira coa de S. Vitorio de Ribas de Miño. Na parede da escada do Museo Lugo, que puxa ao primeiro piso, están pendurados dous cadros co retrato destes dous bispos.•

SAN VITORIO DE RIBAS DE MIÑO (e II)

Nesta parroquia naceu Frei Xerardo Xosé Andrés Vázquez Parga, bispo de Salamanca de 1807 a 1821. Tocoulle un período de disidencia política, coa invasión francesa tivo que refuxiarse. Na etapa máis reaccionaria de Fernando VII, Vázquez Parga, xa metido en anos, foi un home pasivo e contrario á Constitución de 1812. Curiosamente, o seu sucesor na sede salmantina foi Lorenzo Varela de Temes, natural de Sabadelle (Chantada), parroquia estremeira coa de San Vitorio de Ribas de Miño. Na parede da escada do Museo Provincial de Lugo, que puxa ao primeiro piso, están pendurados dous cadros co retrato destes dous bispos.

Vizosa terra de San Vitorio de Ribas de Miño, cunha xeografía moi especial que sustenta unha das paisaxes máis sorprendentes que se debruzan sobre as retortas do Miño que matizan este microcosmos tan singular en varios formatos espaciais, organizados en función da vida labrega e viñateira. Unha parroquia con vinte e un lugares, menos o de Porto, que foi asolagado en 1962. A súa demografía está diminuíndo, como en toda a Galiza rural, xa hai dous lugares deshabitados como As Fontelas e Os Corgos e algún máis está na barreira de ficar sen veciños.

Por veces apetéceme ir a San Vitorio de Ribas de Miño, terra nativa de meu bisavó, Estevo Fernández, do lugar de A Pereira, e visitar a igrexa románica, onde foi bautizada a miña mai. Ir ao santuario de Guadalupe e ollar cara o sur esa recta de río, na que se conforma unha fermosa paisaxe ribeirá en Rebordaos e pola chantadesa Sabadelle, exhibindo o altivo monte das Pereiras, Os Maniños, Atán e seus viñedos de Altamira, A Rega e Lagares Queimados. E nese ir da ollada sobre o Miño, contemplar as curotas de Pesqueiras, erguidas e desafiantes, como a cume de Cornedo, gardián das viñas de Lagares, Campelo, Bacelos e no fondo do traxecto fluvial, fica San Fiz de Asma. Polo oeste as terras de Pedrafita, co seu castro Candaz, por veces alborecido e transcendido das augas que o asolagan. As terras de Taboada erguéndose no ímpeto das retinas; elevándose no lustroso horizonte do Faro e da súa largacía serra, que nos trae sorpresa nas postas de sol.

Até o santuario de Guadalupe acompañoume un excelente guía, nativo desta parroquia, Xosé Ramón Rodríguez, antigo compañeiro na factoría Seat. Nos rentes da capela andaba á rebusca de castañas a señora Mercedes do Val, custodiada por un potente e fermoso can. Unha muller afable e con ollada tenra e profunda, revelando o misterio e o esforzo das mulleres labregas e viñateiras, que traballaron en tempos difíciles este espazo. A señora Mercedes nótaselle o seu apego á terra e a súa resistencia de non renunciar a ela.

Servidor tiña interese por coñecer o lugar de As Fontelas, residencia do señor Avelino da casa do Puchas, un home moi activo que tiña unha pequena tenda e comercializaba os produtos agrícolas da parroquia: centeo, augardente, e os primeiros froitos hortícolas que se daban nos rentes do Miño e do Sardiñeira, no lugar de Porto, así como troitas e anguías. O señor Avelino cruzaba o río co seu burro de carga na barca de Porto, dúas veces á semana. Ía cara Chantada onde vendía estes produtos. Os de Sabadelle e Merlán chamábanlle o coxo de Lemos, por ter unha perna de pau, montado no burro a levaba en diagonal e completamente tesa. Sempre cargado de mercadorías, vendía eses produtos e mercaba outras viandas para repoñer na súa tenda. O produto máis peculiar que exhibía eran pezas de caza: perdices, lebres e coellos que penduraba en cada lado da albarda, no período de levantarse a veda. Na terra alta do Sardiñeira e nos montes de Castro de Rei de Lemos, Forcados e a Broza había moita caza, onde o señor Avelino mercaba esas pezas e as revendía nas fondas de Chantada. Un consumo moi valorado pola xente máis abastada da vila que demandaba a apreciada oferta do coxo das Fontelas.

Lembro como abaneaban aqueles animaliños ao son do andar lixeiro do burro. O señor Avelino pasaba diante da miña casa de Podente, cando eu ía á escola aproveitaba para acompañalo porque me relataba un conto moi ben ganduxado, unha argallada sobre a vida de cada perdiz, lebre ou coello que levaba á venda. O que me divertía eran aqueles contos de naufraxio da barca de Porto que el narraba -que nunca lle aconteceu-, como unha onda de cachón derrubouno a el e a seu asno, tendo a habilidade de agarrarse ao rabo do animal e saír indemne, el cantando e seu burro orneando de ledicia. Ou como unha anguía furou a barca e entraba auga, tendo que tapar o burato coa roupa que levaba até quedar mesmo nu no medio do río. Tamén, cando asubiaba as troitas comezaban a danzar e moitas caían dentro da barca. Outro dos oficios do señor Avelino das Fontelas, en súa ruta de San Vitorio de Ribas de Miño a Chantada, era a de recadeiro, transmitindo mensaxes como os que lle traía á miña mai: “O teu parente Muiñeiro di que vaias o 15 de agosto á festa de Segán”.

A Segán íamos ben cediño, pasábamos a barca de Porto, e neste agraciado lugar, visitaba a seu curmán Francisco (O Cristos), e tripando ribeira cara Montegrande facíamos pousa e falaba cos coñecidos. O mesmo acontecía a pasar por Amieiros. Así ate A Abadía, onde visitaba a súa curmá Mercedes (A Paloma). Despois Segán, en festa grande.

Tiña interese de visitar As Fontelas do señor Avelino. O Xosé Ramón levoume a ese lugar abandonado, con casas caídas rodeando un regato de auga fluída que a recolle de gurgullantes fontes. Alí estaba derruída a casa do Puchas e a de Serafina. Daba unha impresión conmovedora ver os efectos da despoboación devastadora, como se un terremoto abalara aquelas vivendas. As Fontelas foi unha especie de paraíso, moi ben organizado con hortas muradas e de rega; espazos de cultivo extraordinariamente deseñados, en función das necesidades de cada veciño. Todo ese orde estaba depredado pola maleza e por plantas exóticas como a mimosa. O que foi permanencia, en pouco tempo foi engulido polo peso das sombras.

Volvemos cara A Abadía polo monte que rodea este lugar, ben nutrido de carpazas e campo ermo, onde outrora apacentaron numerosos rabaños. Na Abadía contemplei ese enorme edificio, morada de monxes, abades e párrocos. De neno coñecín ao crego de San Vitorio e Segán. Don Ramón Somoza, natural de Diomondi, era un conservador tridentino -posiblemente franquista-, el traía firmes aos de S. Vitorio e Segán. Decidía sobre os veciños e determinaba os servicios que lle tiñan que realizar. Uns a cocerlle o pan, outros carrearlle e picarlle a leña, un cortáballe o pelo, outro podáballe as árbores e facerlle a matanza. A outros os utilizaba de mandadeiros, e tamén tiña os seus recadadores do chamado “o pan do trono”, que ían polas casas a pedir a dádiva polas rogativas que facía. Un crego que pensaba diferente a Xesús Nazareno, cando dicía: “O meu reino non é deste mundo”. Don Ramón coidaba que o seu reino si era deste mundo. Un crego moi pragmático e conciso.•

O FASCISMO E O PÁRROCO DE MERLÁN (I)

• Numerosas veces sentín falar a meus pais e a meus veciños das glorias filantrópicas e do ímpeto de D. Enrique López García, párroco de Fornas e Merlán, nas terras de Chantada. D. Enrique rexeu estas dúas parroquias durante vinte anos, de 1922 a 1942. Procedía dunha familia humilde de San Paio de Diomondi (Saviñao). Seu pai, José López Castro, foi garda civil en Ponferrada, onde naceu o seu fillo en 1898. De regreso a Galiza foi un aplicado seminarista, e moi cedo foi ordenado crego polo bispo de Lugo, Frei Plácido Ángel Rey Lemos.

Os seus fregueses de Merlán tíñanlle grande estima por estar virado enteiramente cara esta parroquia, pese a vivir na reitoral de Fornas, mentres esta parroquia contaba con tres lugares, a de Merlán tiña dezanove, unha densidade demográfica moi avultada con respecto a Fornas. Isto fixo que o párroco estivese máis pendente do anexo que a da súa residencia. Parece que intentou construír unha reitoral no lugar da Torre, ese lugar que exerce como capital da parroquia de Merlán, onde está a capela de San Amaro, o campo da festa e a casa da escola. Unha escola de dúas plantas e de aulas mixtas, cuxo diñeiro e xestión, para a súa edificación, veu dos emigrantes de Merlán en Cuba. E na que D. Enrique tivo un enorme protagonismo neste proxecto e na xestión de cesión de terreos e en contacto cos emigrantes. A escola ergueuse no lugar da Torre con ese diñeiro enviado de Cuba e a puntual colaboración de transporte de materiais. Nestas tarefas, D. Enrique foi quen fixo un reparto equitativo neses traballos, repartíndoo por cada unha das casas da parroquia, así como outras xestións que el asumiu e que lle costaron diñeiro.
A primeira pedra desta escola colocouse solemnemente o 28 de maio de 1925, coa asistencia do gobernador civil de Lugo, Jacobo Varela, a madriña de cerimonias e toda a parroquia co párroco á fronte, con capa pluvial e estola. Desta inauguración e da evolución das obras, D. Enrique exerceu de cronista que puntualmente publicaba seus artigos no xornal lugués, “La Voz de la Verdad”.
Na “Memoria” de construción da escola de Merlán, consta de varios apartado e un deles é o titulado: “Historia de Chantada e Carballedo”, da autoría deste crego que asigna co pseudónimo de Enrique d’a Torre. Nestes datos históricos revélase a calidade intelectual deste párroco, polas pesquisas que realiza e pola orde discursiva e de redactar un temario histórico desta natureza.

D. Enrique, indubidabelmente, tiña unha vea intelectual que empregou na súa prédica que encantaba a seus fregueses e, tamén, unha vocación pola pedagoxía que quixo exercer, mais certos cregos da zona o denunciaron ao bispo Rafael Balanzà i Navarro. Mais D. Enrique, que tiña amizade co arcebispo de Compostela, Zacarías Martínez Núñez, un agostiño burgalés que foi biólogo e discípulo de Santiago Ramón y Cajal, prologuista da súa obra: “Estudios biológicos”, que ademais foi profesor de bioloxía e virado cara a pedagoxía. En Zacarías Martínez atopa D. Enrique López García un apoio considerábel que aplaca as iras de Balanzà e do grupo de párrocos erguidos contra o de Fornas e Merlán.

Parece ser que a partir de 1931, coa proclamación da II República, D. Enrique emprega unha discursiva moi sutil contra o novo réxime, mais el continúa estando moi atento á parroquia de Merlán e, sobre todo, ás festas de San Ciprián, que tiñan tres días festivos e unha feira de cabras tradicional. As manifestacións relixiosas nesa festa eran moi floridas e ornamentadas. Na procesión desa festa desfilaban tódolos santos da igrexa até a capela de San Amaro, a excepción do padroeiro, Santo Tomé, que ficaba na igrexa exercendo de xerarca principal. O estrondo de foguetes e o repique de campás impoñía festa grande e reclamo campestre para merendas de foráneos e feira de cabras. Era unha festa que anunciaba vendima e castañeira. Nesta xeira, estaba puntualmente o párroco que despois desas exuberantes procesións, podía escoitar famosas bandas de música.Para resaltar eses concertos que se facían despois da solemnidade da misa, animou á parroquia para erguer un rigoroso quiosco de pedra e ferro forxado en 1933, para dar realce a esas bandas.

Mais a guerra civil tamén chegou a Merlán e aquel párroco de trinta e oito anos defendeu a cruzada bélica, promocionada, sen pudor evanxélico, polo cardeal primado, Isidro Gomà i Tomàs, bendicindo aos que corrixían “errores” con mao alzada e masificando morte nas cunetas. D. Enrique fomentou entre seus parroquianos unha cruzada exhibicionista, rezos e pregarias polo avance dos sublevados e repique de campás por cada pobo ou cidade que o exército fascista tomaba e sometía. E o sancristán de D. Enrique, o vello Latas da Eirexe, José Fernández Mosquera, a vociferar ao son das badaladas: “Caeu Badaxoz! Caeu Teruel! Caeu Pina de Ebro!” Así pasaron tres anos dando noticias de tomas e caídas en son de Te Deum e en honor das carnicerías fascistas.

As recolectas dominicais de Merlán dedicadas ás “Ánimas do Purgatorio” e a “San Antonio” ían destinadas para os confrades da guerra. D. Enrique pedía ás mozas da parroquia, ás “Fillas de María”, apadriñar soldados da fronte de Aragón e Cataluña e enviarlles cartas dándolles azos para rematar coas hordas marxistas. Tamén obrigou a tres matrimonios de Merlán, que durante o período republicano casaron polo civil, nesa situación persecutoria tiveron que facelo polo rito católico.

Nunha das actas do libro de defuncións de Fornas, do 28 de xuño de 1938, dá conta do funeral do alférez González Herrero, de vinte e catro anos, da seguinte maneira: “…murió gloriosamente en el frente del Ebro, el día 26 anterior, luchando en la Santa Cruzada contra los enemigos de Dios y de la Patria”.•

© Texto de Xosé Lois García, do seu libro: “Simboloxía do románico de Chantada” (2010).

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

A %d blogueros les gusta esto: