Educación

A Deputación mantén o seu apoio ao Campus de Lugo como motor de innovación e desenvolvemento

Imaxe da visita á instalación da gaiola de drons, unha infraestrutura pioneira que permite realizar prácticas de voo e control de sistemas aéreos non tripulados. Foto GPDL.

A Deputación de Lugo consolidou ao longo deste ano o seu papel como socio estratéxico do Campus lucense da Universidade de Santiago, apoiando con recursos económicos e colaboración institucional a evolución dun espazo académico clave para o futuro da provincia. A achega anual de 370.500 euros permitiu soste-lo ritmo de crecemento das facultades e centros de investigación, impulsar iniciativas de transferencia de coñecemento e contribuír a que a comunidade universitaria dispuxese de novos recursos para unha formación máis completa e conectada coa realidade produtiva da contorna.
No acto no que se avaliaron os avances acadados, o presidente José Tomé Roca subliñou o sentido desta cooperación, lembrando que o obxectivo común é construír unha universidade con capacidade de transformar o territorio. “Apostamos por un Campus arraigado á terra, conectado coa realidade e á vez punteiro e innovador. Un Campus que ofreza oportunidades reais á mocidade e que contribúa ao desenvolvemento sostible do rural galego”, afirmou.
O apoio provincial permitiu reforzar proxectos de investigación aplicada que teñen como eixo os sectores estratéxicos de Lugo. Entre eles destaca o equipamento destinado ao estudo e uso de drons, unha infraestrutura que facilita prácticas de pilotaxe e control de sistemas aéreos non tripulados. O alumnado pode traballar con tecnoloxía de última xeración, con aplicación directa en áreas como a agricultura de precisión, a ordenación forestal ou a prevención de lumes, ámbitos nos que a USC mantén liñas de investigación estables.
Tamén tivo un papel relevante a actividade desenvolvida na Granxa Experimental de Leite da finca Gayoso Castro, onde se combinan exercicios académicos con experiencias reais en contornas produtivas. A interacción directa co sector permite desenvolver competencias técnicas e ampliar as posibilidades de inserción laboral do estudiantado, convertendo este espazo nun recurso formativo singular dentro do sistema universitario galego.
A colaboración entre ambas institucións avanzou ademais na planificación de novas infraestruturas. A Deputación facilitou a disposición de terreos para levantar a futura Facultade de Formación do Profesorado, unha intervención chamada a mellorar a distribución de espazos, favorecer a modernización do Campus e atender á demanda crecente de estudantes interesadas e interesados en programas orientados á docencia. Esta actuación forma parte dunha visión máis ampla que pretende asegurar que Lugo conte cun complexo universitario competitivo a medio e longo prazo.
O balance do ano pon de manifesto que o modelo de cooperación mantido está a xerar resultados visibles: mellora nas condicións de estudo, impulso á investigación orientada ao territorio e presenza crecente do Campus como referente tecnolóxico. A Deputación reafirma así o seu compromiso cunha universidade pública sólida e útil, entendendo a educación superior como unha ferramenta decisiva para garantir un futuro sostible, innovador e con oportunidades para o conxunto da provincia.•

Na Granxa Experimental de Leite da finca Gayoso Castro, combinanse exercicios académicos con experiencias reais en contornas produtivas. Foto GPDL.
Ir aInicio