Na biblioteca do IES Daviña Rey
Un grupo de alumnos e alumnas do CEIP A Gándara realizou no instituto monfortino unha demostración de Kamishibai, unha técnica nipona para narrar con imaxes
O verán está ás portas, e parece xa tempo de viaxar, aínda que sexa sen saír do propio centro de ensino. A literatura propicia este tipo de viaxes culturales, como o que realizaron alumnos e alumnas do IES Daviña Rey da man do alumnado do CEIP A Gándara, que enviou unha «misión literaria» ó instituto monfortino para ofrecerlles unha viaxe ás tradicións literarias dunha cultura milenaria como é a xaponesa. Un grupo de alumnos e alumnas deste colexio monfortino asombraron ós seus compañeiros do Daviña coa posta en escea dunha demostración de Kamishibai, técnica narrativa nipona que consiste en acompañar o relato oral cunha serie de imaxes, neste caso, elaboradas polos propios alumnos. Dende o IES Daviña Rey agradeceron ós alumnos e alumnas do CEIP A Gándara, así como ás profesoras acompañantes, o detalle de compartir con eles unha divertida e orixinal velada literaria.•