Aberto o prazo para inscribirse no Programa Deportivo do Verán en Monforte

Esgotadas o primeiro día as prazas do campus de fútbol

• Durante os meses de xuño, xullo e agosto, o Concello de Monforte ofrecerá unha ampla programación de actividades lúdicas e deportivas para todas as idades. O Programa Deportivo do Verán, deseñado polas Concellerías de Deportes e Benestar, inclúe diversas actividades ó longo destes tres meses. O prazo para formalizar as inscricións quedou aberto o 3 de xuño, e os interesados poderán anotarse ata que se esgoten as prazas, como xa sucedeu co VIII Campus de Fútbol Cidade de Monforte, que esgotou as 100 prazas en cuestión de horas.

CAMPAMENTO DEPORTIVO DE VERÁN EN XULLO
Un dos obxectivos deste Programa Deportivo de Verán é propiciar a conciliación da vida laboral e familiar durante o período de vacacións dos máis pequenos. Así, o Campamento Deportivo de Verán, organizado polo Concello de Monforte e destinado a nenos e nenas de 5 a 14 anos, ofrece dúas quendas ó longo do mes de xullo, en horario de 10 a 14 horas de luns a venres.

FÚTBOL SALA
Ademais, e xusto ó rematar o curso escolar, terá lugar o Campus de Fútbol Sala destinado a rapaces e rapazas a partir de 8 anos, organizado por Cacholand s.l. entre os días 23 e 27 de xuño. O horario será de 9,45 a 20,30 horas, con comida incluída, e as actividades desenvolveranse nos pavillóns deportivos dos tres institutos de Monforte.

ACTIVIDADES NA PISCINA MUNICIPAL
Durante o mes de xullo, desenvolveranse actividades acuáticas, aerobike e aerobic na Piscina Climatizada Municipal. Por outra banda, do 1 de xullo ó 8 de agosto o Parque dos Condes acollerá actividades ó aire libre, como tai chi, ioga, dalle ritmo e fitball, todas elas de carácter gratuíto.

CURSOS DE TENIS
Os martes e xoves de xullo e agosto terán lugar os cursos de tenis, en horario de 10 a 13 horas, para nenos e nenas de 6 a 12 anos, nas pistas municipais de tenis de A Pinguela.

CAMPUS DE VOLEIBOL
O II Campus de Voleibol Cidade de Monforte está organizado polo Club Deportivo A Rotaría. Desenvolverase do 4 ó 8 de agosto no pavillón de A Pinguela en horario de 10 a 14 horas. Esta actividade está dirixida a nenos e nenas de 8 a 16 anos.

CAMPUS DE BALONCESTO
Do 18 ó 22 de agosto, e organizado polo CB Val de Lemos, terá lugar o III Campus de Baloncesto Cidade de Monforte, destinado a rapaces e rapazas de 6 a 14 anos. A actividade desenvolverase no pavillón de A Pinguela, en horario de 10 a 13 horas.
As inscricións e o detalle das actividades pode obterse nas Oficinas Municipais de Deportes de As Casitas da Compañía.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O congreso #Inlugo14 consolídase como referente galego da cultura dixital

Seguinte Nova

Alumnado do IES Daviña Rei iniciáronse no piragüismo

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: