•A Escola Municipal de Música e Danza de Monforte vén de abrir o prazo de matrícula para o curso 2014-2015. Os interesados deberán formalizar a súa inscrición na Secretaría do Edificio Multiusos de luns a venres, en horario de 10 a 13 horas, e 17 a 19 horas.
ESPECIALIDADES OFERTADAS EN MÚSICA
Según informaron os responsables municipais, na sección de Música este ano ofrecerán as especialidades de Música e Movemento para nenos e nenas de 4 e 5 anos; Percusión, con batería e percusión moderna; Percusión Galega, que inclúe pandeireta, tamboril, bombo e pandeiro; Teclado e Acordeón; Guitarra Española; Guitarra Eléctrica; Gaita; Clarinete; Frauta Traveseira; Saxofón; Trompa; Trompeta; Trombón de varas e Tuba.
Ademais, complementarase a ensinanza instrumental con clases de Linguaxe Musical, e coa participación do alumnado nos grupos que se organicen na Escola.
ESPECIALIDADES DE DANZA
En canto á danza, a Escola Municipal de Monforte ofrece as especialidades de Danza Tradicional Galega, para nenos e nenas a partir de 3 anos, onde se formarán grupos por idades; Danza Moderna, cun grupo de nenos e nenas a partir de 9 anos; Ballet Clásico, a partir de 6 anos, con dous grupos en cada un dos dous niveis establecidos; e Baile de Salón, destinado a adultos en dous grupos.•