Rematou unha exitosa oitava edición do FanCine de Lemos, logo de cinco días de cine fantástico e videoxogos

A oitava edición do FanCine de Lemos chegou a súa fin tras cinco días de cine fantástico e videoxogos en diferentes espazos da Ribeira Sacra.
O festival foi posible grazas ao apoio económico da Deputación e a Rede Museística Provincial de Lugo, así como do Concello de Monforte, Concello de Sober e Concello da Pobra do Brollón, ademais do Ateneo Casino de Monforte e Curtidos Coiro.

Calidade no contido e na forma
“A edición deste ano afianzou o FanCine como un referente no panorama de festivais galegos,” afirma o director do festival, Iván Patiño. “A alta calidade dos contidos foi fundamental, tanto da oferta audiovisual como a nivel de formación a través das clases maxistrais e coloquios.”
Patiño tamén identifica como clave a posta en valor de “espazos sostibles que conxugan tradición e identidade” como son as adegas medievais de Vilachá, que se estrearon este ano como un dos emprazamentos do FanCine.
Outro emprazamento fóra de Monforte, a adega Algueira en Sober, acolleu a gala de clausura do festival. A actriz Beatriz Serén foi a encargada de enfiar a entrega de premios, que foron para El Semblante (Mellor Curtametraxe), Canibalismo (Mellor Curtametraxe Galega) e Covid Love (Mellor Curtametraxe Internacional). A curta Loop recibiu unha Mención Especial e o Premio do Público gañouno Oro de Manuel Valcárcel.

Público fiel e novas audiencias
Tanto a gala de clausura como o resto das xornadas de FanCine tiveron unha boa asistencia de público. “Vemos que estamos a atraer a un público fiel e cada vez máis esixente,” comenta Iván Patiño. Incide ademais na conexión con público novo a través de iniciativas como o FantaFesti e a formación ofertada ao longo do festival, que este ano centrouse no puxante sector do videoxogo.
“Seguimos plantando unha semente entre os máis novos e novas, amosando que o audiovisual pode ser unha vía para o seu futuro laboral” engade Patiño.

Un impacto cada vez maior
O impacto económico do FanCine de Lemos no territorio é outro dos aspectos que salienta o director do festival. “Non podemos esquecer que a cultura tamén dinamiza a economía. O FanCine repercute na hostalería e industria turística local, así como na industria cultural en xeral, e crea traballo polo amplo apoio loxístico e de infraestruturas que precisamos ao longo ao festival”.

Visión de futuro
Un festival que conta con seguir a medrar. O equipo directivo aproveitou o coloquio de fin de festival de onte domingo na Casa da Cultura de Monforte para adiantar a teima do FanCine de Lemos 2023, que homenaxeará a icónica película El Exorcista no 50 aniversario dende a súa estrea.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Vinigalicia, Premio Pyme del Año de Lugo 2022

Seguinte Nova

O Círculo Saviñao segue a animar o verán cultural e de lecer

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss