O Colexio da Nosa Señora da Antiga acolleu as Xornadas do Día do Patrimonio 2022

O Consello de Cultura Galega organizou a pasada semana no Colexio da Nosa Señora da Antiga unhas xornadas culturais con ocasión da celebración do Día do Patrimonio 2022. Durante as mesmas, expúxose o estudo documental para a declaración como BIC do Colexio. Cómpre lembrar que se levan investidos máis de 650.000€ na posta en valor e conservación do Colexio do Cardeal de Monforte desde que se iniciaron os trámites para a súa declaración como Ben de Interese Cultural, incoado en 2019 e declarado en 2021. Así o explicou a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez, durante a xornada O Colexio de Nosa Señora da Antiga. Un exemplo de educación patrimonial.
Na súa intervención, a representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subliñou o “firme compromiso” do seu departamento para “garantir o futuro dun inmoble clave para a paisaxe cultural da Ribeira Sacra e para comprender a historia deste municipio e o desenvolvemento do Renacemento en Galicia”. Neste senso, precisou que nos últimos anos o Goberno galego impulsou unha ducia de actuacións tanto na igrexa, claustro e zonas de visitas como para restaurar os diversos bens artísticos que atesoura o inmoble.

Contratación en marcha
Así mesmo, explicou que actualmente a Administración autonómica ten en marcha a licitación da restauración do retablo das Reliquias, no que investirá máis de 110.000€. O obxectivo desta actuación é reparar as patoloxías que presenta este ben artístico e solucionar os problemas estruturais. Para iso, os traballos incluirán a limpeza, eliminación de elementos alleos, desinsectación, consolidación da madeira ou a reintegración cromática e de volumes, entre outros.
Esta actuación súmase á que se está levando a cabo actualmente en diversos bens artísticos ou a que se vén de rematar nos retablos de Nosa Señora das Escolas Pías e de San Xosé de Calasanz. Ademais, o Goberno galego tamén acaba de completar as obras de conservación da estrutura na igrexa, o claustro e as áreas de visita pública para resolver as afeccións que sufría o inmoble a raíz do terremoto de Lisboa de 1755 que provocou gretas que, aínda que non comprometían á estabilidade das bóvedas, era preciso corrixir.

Valor cultural do museo
O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía, é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. O inmoble amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súas adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.
Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, débese citar a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Enfermidade de Alzheimer. O cerebro desde dentro

Seguinte Nova

Os cines de Monforte, modernizaránse coas axudas da Xunta

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: