O Bono Deporte ofrece descontos do 80% no pago de material e actividades deportivas para nenos e nenas de 6 a 16 anos

A iniciativa da Xunta vai dirixida a participantes que teñan licenza federada ou formen parte do Programa Xogade

Imaxe de arquivo dunha recente competición do Programa Xogade da Xunta de Galicia. GPXG

O fomento da vida saudable durante a infancia e a adolescencia pasa por favorecer a práctica deportiva. Con esta finalidade, a Xunta ten en marcha o Bono Deporte, unha iniciativa que busca apoiar ás familias á hora de adquirir material deportivo para que os seus fillos e fillas poidan desenvolver en mellores condicións os deportes que elixan.

QUEN PODE BENEFICIARSE DO BONO DEPORTE
Os destinatarios do Bono Deporte son todas as familias que teñan fillos e fillas con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Os menores deberán ter licenza federada na práctica dalgún deporte, ou ben participar nalgunha actividade do Programa Xogade.

COMO ACCEDER AO BONO DEPORTE
As familias interesadas teñen de prazo ata o 29 de febreiro para descargar o Bono Deporte, desde o móbil ou o ordenador, na páxina web www.bonodeporte.gal. Despois de darse de alta, recibirase un SMS de validación para activar o bono e descargalo nunha aplicación wallet en formato dixital mediante un código QR.
ATA CANDO TEN VALIDEZ O BONO DEPORTE
Unha vez completada a descarga do bono, a contía xa queda reservada e poderá consumirse ata o 1 de xullo de 2024 nos máis de 700 establecementos que se adheriron a esta iniciativa.

QUE SE PODE PAGAR CO BONO DEPORTE
O Bono Deporte desconta un 80% do custo de cada compra ata esgotar o importe. A contía do bono vaise reducindo en función do valor da compra realizada (incluíndo o IVE). A cobertura do Bono Deporte financia a adquisición de material e equipamento deportivo, e tamén conceptos relacionados coa realización de actividades deportivas, como son a cota de clubs, as clases, e o pago de monitores ou de cursos.

COMO SE EMPREGA O BONO DEPORTE
Para pagar co bono, hai que amosar o código QR nos establecementos comerciais e entidades deportivas ou prestadoras de servizos que estean adheridas ao Bono Deporte. O máis de 700 establecementos que se sumaron a esta iniciativa están debidamente identificados cun distintivo da campaña.
A entidade ou establecemento accede á aplicación que, sobre o importe total da operación, encárgase de validar e calcular o prezo final co desconto. Así, a plataforma rexistra a compra, aplica o desconto do bono e actualiza o wallet do cliente.

ENDEREZO ELECTRÓNICO PARA DÚBIDAS E SUXESTIÓNS
Todos os usuarios do Bono Deporte teñen á súa disposición un enderezo electrónico (bonodeporte@xunta.gal), no que poden trasladar as súas dúbidas e suxestións sobre esta iniciativa.

FOMENTO DO DEPORTE BASE
A campaña Bono Deporte súmase a outras iniciativas da Xunta, como o Programa Xogade, para fomentar o deporte base e os valores do deporte entre a rapazada. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Eduardo Pérez Baamonde gaña o concurso do cartel da XLIV Feira do Viño de Amandi

Seguinte Nova

Novo edificio para a Biblioteca Municipal de Chantada

Últimas noticias sobre DEPORTES

Ir aInicio

Don't Miss