Redacción- L.Gallardo
Jon González é un chantadino de adopción nacido en Mondragón, Guipúscoa, hai 28 anos. Estudou Bacharelato artístico e despois Belas Artes. Traballou, entre outras cousas, como deseñador gráfico en Vitoria, emprego como cámara, creativo e realizador en Televinte Chantada, e tamén impartiu diversos cursos de deseño dixital e cómic. Actualmente traballa para a marca de roupa Don’t Pray for Me de Santiago realizando debuxos para camisetas. Estes días ten en marcha unha exposición na Casa da Cultura da vila do Asma.
Na súa exposición podemos ver múltiples temáticas e técnicas, pero ten un peso especial o manga ¿ Por que ?
De pequeno, coma todo neno, gustábame moito ver debuxos animados, pero foi cando se emitiu a serie Dragon Ball na televisión, tendo oito anos máis ou menos, cando me decidín por este estilo de debuxo. Desde entón e ata hoxe, fun debuxando e bebendo de diferentes autores xaponeses e evolucionando no meu estilo. Para min o manga ten algo especial que non teñen os outros cómics. Chámalle ‘x’…
Fálenos un pouco das técnicas que utiliza. Destacan algunhas anovadoras, como é a dixital. ¿En que consiste?
A tinta é a técnica que máis uso, xa sexa en rotulador ou en pincel. Pero fágome a calquera: acrílicos, óleos, acuarelas, pasteis… Respecto á técnica dixital, primeiro fago o debuxo a lapis ou a tinta, pásoo co escáner ao ordenador, e logo píntoo con diferentes programas. Utilizo unha tableta gráfica que ten un lapis que facilita os trazos e opacidades das cores, como si fora un pincel ou calqueira outra ferramenta.
¿Que protagonismo ten a vila de Chantada na mostra?
A verdade é que non lle puiden dar todo o protagonismo que quixera, xa que Chantada é un pobo que me deu moito. Sen embargo, e saíndome un pouco do meu típico estilo, fixen unhas obras de lugares representativos facéndoas o máis fieis posibles á realidade, pero sempre nas técnicas que caracterizan o cómic e que tanto uso, como a tinta chinesa e o pincel.
As túas obras están á venda. No contexto de crise, ¿cal é a estratexia dun artista ou creativo? ¿Pódese vivir disto?
Penso que a estratexia dun artista sería darlle ao público o que quere, tanto en gustos coma en prezos, deste xeito seguro que vendes, pero en certo modo, a nós, que xeralmente preferimos facer o que nos gusta, doe un pouco no orgullo ter que “venderse”. Gañarse a vida disto é tarefa complicada, sempre hai que tirar dunha ou dúas cousas máis.