O verán en Pantón comezou con importante movemento de visitantes. O balneario de Augas Santas e o románico configúranse como os grandes motores do turismo que chega a este municipio da Ribeira Sacra, según explican os responsables da Oficina de Turismo, situada no segundo andar do Edificio Sociocultural.
GRAN UTILIDADE DO HORARIO CONTINUO DA OFICINA DE TURISMO, ÚNICO NA RIBEIRA SACRA
Esta ubicación permite que o servizo de atención ós visitantes sexa permanente, sendo a Oficina de Turismo de Pantón a única que está aberta en horario continuo de luns a venres, dende as dez da mañá ata as oito da tarde, completándose este horario coa apertura en sábado e festivos de dez da mañá á unha da tarde. Deste xeito, o visitante de calquer punto da comarca de Lemos pode atopar na Oficina de Turismo de Pantón todo tipo de información sobre arte, gastronomía, paisaxe, ocio e cultura de toda a Ribeira Sacra. Un servizo que está demostrando ser moi ben acollido, dado que no mes de xullo rexistrouse un aumento “espectacular, de case o cen por cen” de visitantes que se achegaron á Oficina de Turismo de Pantón. Según explicaron os responsables deste servizo, a maior parte das consultas referíronse ó románico, aínda que tamén houbo moita atención ós catamaráns e ó sendeirismo, con gran protagonismo da Fervenza de Augacaída.
MADRILEÑOS, BARCELONESES E OURENSÁNS, OS QUE MÁIS VISITARON PANTÓN
En canto á procedencia, os visitantes queu pasaron pola Oficina de Turismo de Pantón viñan de Madrid e Barcelona, sendo Galicia o terceiro lugar de procedencia dos visitantes, con Ourense á cabeza. Os ourensáns que visitaron Pantón recoñecían ter como referencia a Ribeira Sacra ourensana, e de aí chegaron á parte lucense. Asimesmo, o tirón do Balneario de Augasantas segue a ser importante na recepción de visitantes, dado que a maioría dos consultantes na Oficina de Turismo aloxáronse nas instalacións de Augas Santas.