4,2 quilómetros entre Piñeira e Distriz
A riqueza natural da contorna de Monforte e as posibilidades de ocio que ofrece veñen de ser postas en valor coa apertura dunha nova ruta de sendeirismo. Esta iniciativa da Concellería de Medio Ambiente de Monforte deu como resultado un trazado de máis de catro quilómetros por unha zona incluída na Rede Natura 2000, e que xa está lista para o seu uso e disfrute por veciños e visitantes.
RUTA CIRCULAR PRÓXIMA ÁS RIBEIRAS DO CABE
A nova ruta está deseñada cun itinerario circular de 4,2 quilómetros entre as parroquias monfortinas de Piñeira e Distriz, próximo ás ribeiras do Cabe. Cunha dificultade baixe, ó discurrir por zona chá en case todo o seu percorrido, a ruta arrinca en A Barxela, xunto á ponte sobre o río Cabe, e continúa por Distriz, Babela e O Carballo, ata rematar de novo en Piñeira. Según informaron os responsables de Medio Ambiente do Concello de Monforte, os traballos de limpeza e desbroce das marxes desta nova ruta de sendeirismo foron levados a cabo durante o pasado mes de outubro, co que o roteiro está listo para a circulación dos camiñantes.
COMPLETA SINALIZACIÓN CON NOVE PANEIS E 35 SINAIS VERTICAIS DE ITINERARIO
Asimesmo, para a sinalización da ruta confeccionáronse e instaláronse un total de nove paneis informativos e 35 sinais verticais indicadores do itinerario. Estes paneis ofrecen información sobre as características da senda e o seu trazado, sobre os espazos naturais e os recursos da Rede Natura 2000, e sobre a vexetación e os elementos de interese que poden verse no percorrido. Según precisaron dende a Concellería de Medio Ambiente, os traballos de limpeza da ruta e a súa sinalización supuxeron un investimento de 13.351 euros. Esta actuación foi financiada cunha subvención da consellería de Presidencia, que aportou o 70% do custe, e con fondos propios do Concello de Monforte que cubriron o 30 % restante.•