Longa vida ó viño e ó románico de Pantón

Presentada a XXI Mostra de Viños e as XXVII Xornadas da Rota do Románico

•O actor e humorista da TVG Isi lerá o pregón da XXI Mostra de Viños o domingo 1 de xuño, e pola tardiña actuará a Orquestra París de Noia •O sábado 31 de maio terá lugar a XIV Carreira Popular Rota do Románico •Do 27 ó 29 de maio desenvolverase no Edificio Sociocultural de Ferreira un obradoiro de cata de viños •O programa das XXVII Xornadas da Rota do Románico inclúe dúas rutas de sendeirismo en torno ós petroglifos e ós camiños da arte en Pantón

O Alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, e a profesora e investigadora Flora Enríquez, durante a presentación do programa da XXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón e das XXVII Xornadas da Rota do Románico, celebrada o 14 de maio na igrexa de San Miguel de Eiré. EC
O Alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, e a profesora e investigadora Flora Enríquez, durante a presentación do programa da XXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón e das XXVII Xornadas da Rota do Románico, celebrada o 14 de maio na igrexa de San Miguel de Eiré. EC

Un ano máis por estas datas, Pantón volverá a convertirse no centro da actividade festiva da Ribeira Sacra. O eixo formado polo viño e o románico de Pantón está a demostrar o seu gran atractivo para os visitantes, nunha cita que xa supera con creces as dúas décadas. “Xa que vén funcionando dende hai tantos anos, seguimos apostando por estas dúas celebracións”, explicou o alcalde de Pantón, José Luis Álvarez Blanco, durante a presentación da XXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón e das XXVII Xornadas da Rota do Románico, que tivo lugar na igrexa de San Miguel de Eiré o pasado 14 de maio. Música, deporte, conferencias, sendeirismo e humor farán desta doble programación unha cita inesquecible para os amantes da Ribeira Sacra e dos seus tesouros.
31 DE MAIO E 1 DE XUÑO, XXI MOSTRA DE VIÑOS DA RIBEIRA SACRA DE PANTÓN EN FERREIRA
O programa de actos ofrece a posibilidade de adentrarse no mundo dos viños de Pantón a través dun obradoiro de cata, que se celebrará no Edificio Sociocultural de Ferreira os días 27, 28 e 29 de maio, en horario de 20 a 22 horas.
Xa o sábado 31 de maio, os actos propios da XXI Mostra de Viños da Ribeira Sacra de Pantón comezarán ás 10 horas, coa saída da XIV Carreira Popular Rota do Románico. Á unha da tarde abriranse os postos de polbo, e durante todo o día ás rúas do Castro de Ferreira encheranse de música coa Charanga Castro Vello. A inauguración oficial da Mostra terá lugar pola tarde, ás oito e media, a cargo de José Manuel Rodríguez González, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. A música voltará á noite, coa actuación, dende as 23 horas, da orquestra Metrópolis e o humorista do programa Luar da TVG Manuel Somoza.
O día grande da XXI Mostra de Viños de Pantón será o domingo 1 de xuño, cando os pasarrúas da Banda de Gaitas O Castro amenicen a mañá ata a recepción das autoridades na Casa do Concello, e a celebración da Santa Misa no Salon de Actos do Edificio Sociocultural. Ás 13 horas terá lugar a lectura do pregón, este ano a cargo do actor e humorista da TVG Isi. Pola tarde, a Banda de Gaitas O Castro ofrecerá un concerto ás seis, e ás oito comezará a festa popular amenizada pola orquestra París de Noia.

DO 16 DE MAIO Ó 22 DE XUÑO, CELEBRACIÓN DAS XXVII XORNADAS DA ROTA DO ROMÁNICO
A programación coa que o Concello de Pantón rinde tributo cada ano á súa riqueza patrimonial máis senlleira iniciarase o 16 de maio, coa presentación ás 20 horas no Salón de Actos do Concello, do libro “Guía del Camino de Invierno a Santiago”, de Aida Menéndez Lorenzo. Á mesma hora e no mesmo lugar, o 23 de maio Begoña González Aguiar, doutoranda en Prehistoria e Arqueoloxía, dará unha conferencia sobre “A arte rupestre no sur da provincia de Lugo”. O día 24 desenvolverase unha xornada de sendeirismo dende San Fiz de Cangas ata Espasantes, con visita guiada ós petroglifos.
Xa no mes de xuño, os actos das XXVII Xornadas da Rota do Románico de Pantón comezarán o día 8, coa III edición da Sinfonía no Mosteiro, que nesta ocasión ofrecerá, a partir das 19 horas na igrexa do Mosteiro das Bernardas de Ferreira, un recital de poesía a cargo de Mar Sabater baixo o título “Cuasi amorosas, mitos y otros poemas”, seguido da actuación do dúo de cámara Deva, de frauta traveseira e buzuki.
O 20 de xuño, o periodista e fotógrafo editorial José Salgado ofrecerá a conferencia “Asinado na pedra: as marcas de canteiro na arquitectura medieval galega”, a partir das oito da tarde no Salón de Actos do Concello.

“GALICIA MONUMENTA” SOBRE PATRIMONIO
Por último, as actividades do día 22 versarán sobre “Galicia Monumenta: Á descuberta do Patrimonio”, comezando coa ruta de sendeirismo “Andar con Arte”, a partir das 10 da mañá. Xa pola tarde, e dende as cinco, o Mosteiro das Bernardas de Ferreira será o escenario de dúas actividades. Por unha banda, o “Faladoiro Monumenta: O cego de Eiré”, que seguirá cun espacio musical baixo o título “Monumenta en concerto”, coa actuación da intérprete Alba María, acompañada de Óscar Fernández á zanfona.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O facebook do Concello de Sober súmase ó 40º aniversario do CEIP Virxe do Carme

Seguinte Nova

DEBACLE DE LOS GRANDES PARTIDOS PP Y PSOE EN LAS ELECCIONES EUROPEAS

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: