•O falecido escultor, natural da parroquia chantadina de Esmeriz, foi considerado un dos grandes artífices do “Renacemento” da escultura española do século XX
•Ata o 31 de xullo, a Casa da Cultura de Chantada está a acoller unha exposición antolóxica da obra escultórica de Eduardo Rodríguez Osorio. A mostra, comisariada por Roberto Resino, ofrece unha visión de conxunto do traballo en talla do artista nado na parroquia chantadina de Esmeriz en 1920, e falecido en Madrid en 1995.
Según suliña Resino na documentación que acompaña á mostra, a pasión de Osorio pola escultura veulle de xeito temperán no taller familiar de carpintería e ebanistería, onde aprendeu talla e modelado. Dadas as súas cualidades incipientes, foi enviado a estudar a Santiago de Compostela, na Escola de Artes e Oficios, onde coincidiu con alumnos e mestres como Asorey, Robles ou Manuel Beiras García. De Santiago foi a Madrid, becado pola Deputación de Lugo, á Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, onde entabla amizade co extraordinario gravador Manuel Castro Gil. Xa en Sevilla, coincide cos galegos Alfonso Quinteiro e Jesús Valverde, que serán coñecidos nos círculos artísticos e culturais da cidade hispalense como o “Triunvirato Gallego”. Osorio continúa a súa formación en París, novamente becado pola Deputación de Lugo, e alí formarase aprendendo dos grandes mestres, como Rodin ou Bourdelle.
Tras completar a formación, traballa como docente en varias cidades de España ata recalar no Instituto Cardenal Cisneros de Madrid, no que será Catedrático de Debuxo ata a súa xubilación.
Escultor figurativo, según o cualificou Antonio Bonet Correa, Eduardo Rodríguez Osorio ten sempre presente a “terra nai tan íntima como arcana, lexendaria e familiar, Galicia, que funciona como catalizador do ritmo intrínseco da súa obra”, como precisou Resino.
Osorio foi un dos grandes e poucos artífices do denominado “Renacemento da escultura española do século XX”, que enaltece o esencial, valéndose das armas do impresionismo e expresionismo, “ennoblecendo o sobrio, o contenido e o propio”, según o comisario da mostra.
Recoñecido con numerosos premios, Eduardo R. Osorio foi autor de gran número de monumentos públicos, ademais de retratista de persoeiros ilustres como Camilo José Cela, Celso Emilio Ferreiro, ou José Filgueira Valverde.•