
O proxecto de igualdade do Concello de Sober, ‘Redes Lilas’, levou a cabo a súa cuarta actividade desta semana na Casa da Cultura. As traballadoras sociais Ana de la Torre Alvaredo e Patricia González Vidal dirixiron esta iniciativa, que apostou por unha dinámica grupal de deseño de bolsas tote bags con frases e símbolos feministas. A sesión permitiu ás mulleres personalizar os accesorios con mensaxes como “Onde existiu o medo, hoxe berra a rabia” ou “Este corpo é todo meu”, fomentando a expresión individual e a solidariedade entre mulleres.
A educadora social Selene Arias Sáez coordinou o proceso, atendendo as peticións e preferencias das participantes.
Máis aló do deseño das bolsas, a actividade proporcionou ás mulleres un espazo de creatividade e convivencia, así como unha oportunidade para compartir experiencias e inquedanzas.
O proxecto ‘Redes Lilas’ continúa a súa misión de promover a igualdade e a sororidade entre as mulleres, sumando participantes de concellos veciños e mesmo doutras rexións.
Esta iniciativa forma parte dunha serie de actividades que promoven a participación feminina e están abertas a todas aquelas mulleres interesadas en sumarse ás ‘Redes Lilas’. •