O ciclismo internacional volve ás estradas da provincia de Lugo da man da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Sarria, punto de referencia do Camiño Francés, será final de etapa na xornada de inicio desta proba internacional

O mellor ciclismo internacional darase cita na provincia de Lugo no arranque da Volta Profesional «O Gran Camiño», nunha proba que se disputará do 23 ao 26 de febreiro ao longo das catro provincias galegas. Nas terras lucenses, a Muralla capitalina e o Camiño Primitivo serán os escenarios polos que vai pasar o pelotón, que rematará a súa marcha na primeira etapa en Sarria, punto senlleiro do Camiño Francés en Galicia.

CINCO CONCELLOS DA COMARCA DE LEMOS, NA PRIMEIRA ETAPA
A segunda edición da Volta Ciclista Profesional «O Gran Camiño» arrancará na cidade de Lugo o xoves 23 de febreiro. Durante a xornada, o pelotón realizará un percorrido de 188 quilómetros con tres portos de montaña, que discorre polos concellos de Lugo, Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada, O Saviñao, Pantón, Monforte de Lemos, A Pobra do Brollón, Bóveda, O Incio, Samos e Sarria.

Entrada a meta de Alejandro Valverde na etapa do ano pasado, que tamén rematou en Sarria. (GPVDL)

PARTICIPACIÓN DE GRANDES NOMES DO CICLISMO INTERNACIONAL
A presentación da proba ciclista «O Gran Camiño» celebrouse na Praza da Mosqueira en Lugo, tendo como escenario a Muralla romana, emblema da cidade. O acto contou coa presenza do deputado de Deportes, Efrén Castro, o tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, o responsable da organización, Ezequiel Mosquera, e o exciclista Álvaro Pino, embaixador da proba, xunto á concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López, e o edil de Infraestruturas, Álex Penas.
Na súa intervención, o deputado de Deportes, o nacionalista Efrén Castro, destacou que “esta segunda edición de O Gran Camiño ofrece unha oportunidade única para amosar con orgullo ao mundo o patrimonio cultural e natural de Lugo e das comarcas do Sur», posto que «a presenza dos grandes nomes do ciclismo internacional asegura a atención mediática e deportiva sobre a proba”. A organización do evento ciclista confirmou a presenza na proba do Team Jumbo-Visma Cycling, Movistar, Astana, Cofidis, Eolo Kometa e Corratec, e de nomes propios como o do vixente campión do Tour de Francia, Jonas Vingegaard.

Presentación en Lugo da Volta Ciclista Profesional «O Gran Camiño». GPVDL

«ACHEGAR O ESPECTÁCULO DEPORTIVO
ÁS LOCALIDADES DA ZONA SUR LUCENSE»
Castro salientou «o deseño do percorrido que, co Camiño como referencia, leva os ciclistas por algúns dos monumentos e espazos naturais máis emblemáticos da metade sur da provincia», como a Muralla de Lugo ou o mosteiro de Samos e a praia da Cova. O deputado valorou que este trazado «achega o espectáculo deportivo ás localidades, comezando no propio centro histórico de Lugo e atravesando núcleos coma Guntín, Taboada, Chantada, Escairón, Monforte, Bóveda, O Incio, Oural, Samos e finalizando un ano máis no corazón de Sarria”.

PROXECCIÓN MEDIÁTICA «EN TODO O MUNDO» DOS ESCENARIOS DESTA PROBA CICLISTA
Durante a súa intervención na presentación de O Gran Camiño, o tenente alcalde Rubén Arroxo agradeceu á Deputación de Lugo e á organización desta volta ciclista profesional que “contasen para a saída da proba con Lugo, e concretamente coa Muralla de Lugo, un patrimonio que temos que seguir potenciando”.
Así mesmo, Arroxo afirmou que “unha boa forma de facelo é con eventos coma este, que se vai poder ver en pantallas de todo o mundo”.
Na súa edición do ano pasado, o espectáculo deportivo de O Gran Camiño fixo posible que as paisaxes das catro provincias galegas chegasen a millóns de espectadores de todo o mundo a través das súas canles de difusión, principalmente, da emisión de Eurosport. Segundo os responsables e patrocinadores desta proba ciclista, o evento supuxo unha auténtica “xanela ao mundo” para Galicia.
Así mesmo, a proba tamén resultou todo un espectáculo nas estradas, xa que devolveu aos galegos a posibilidade de gozar dunha volta ciclista profesional 20 anos despois da última Volta a Galicia destas características.
A etapa lucense, o 23 de febreiro, será a primeira das catro da volta, que contará con unha en cada provincia, para rematar o día 26 na Praza do Obradoiro.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

María Cedrón, subcampiona de España sub23 nos 3.000 metros, unha nova figura emerxente no atletismo monfortino

Seguinte Nova

Sarria acolleu unha exposicion de gaitas de fol da Peninsula

Últimas noticias sobre DEPORTES

A %d blogueros les gusta esto: