O Goberno local de Brollón responde no Pleno á polémica xerada polos populares sobre os contratados provinciais

Un momento do último Pleno ordinario da Corporación municipal de A Pobra do Brollón, presidido polo alcalde, o nacionalista José Luis Maceda. EC

O pasado 19 de setembro, a Corporación local de A Pobra do Brollón celebrou o Pleno ordinario, onde o Goberno municipal respondeu á polémica levantada polo Grupo provincial do Partido Popular en relación a unha suposta trama de contratacións de persoal pola área de Cultura da Deputación de Lugo que estarían a realizar servizos para o Bloque Nacionalista Galego.

DENUNCIA DOS POPULARES PROVINCIAIS

O Pleno de Brollón tiña por obxecto debatir, entre outros aspectos, a moción presentada polo Partido Popular provincial, a través do portavoz local en Brollón, Fernando Parada, para reprobar ó vicepresidente provincial por esta situación. Os populares denunciaban que a institución provincial estaba a pagar con diñeiro público a persoas por funcións para as que non foron contratadas a tres persoas, entre elas ó edil local nacionalista Ricardo Rodicio, contratados como persoal eventual de Cultura pero con “funcións só partidistas”. Os populares reclamaban que o concelleiro “pasa máis tempo en Pobra, algo incompatible co seu posto na Deputación”, e esixían “que se depuren responsabilidades políticas e a devolución das cantidades percibidas”, así como “a dimisión do vicepresidente provincial”.

OS NACIONALISTAS EXPLICAN ESTA SITUACIÓN POR “UN ERRO ADMINISTRATIVO RECOÑECIDO POLA ÁREA DE RECURSOS HUMANOS”

Logo da exposición de motivos da moción polo voceiro do Grupo Popular, o alcalde de A Pobra do Brollón, o nacionalista José Luis Maceda, criticou que Parada “xa sexa o portavoz do PP provincial”, polo feito de ter firmada a moción en nome do Grupo Provincial do Partido Popular. Entrando en detalles, Maceda explicou que na Deputación Provincial ó Grupo nacionalista correspóndenlle catro contratados, ós socialistas tres e outros tantos ós populares, e lembrou que “o popular Barreiro tamén ten asesores, por un pacto que el tamén aceptou”. Maceda precisou que o grupo provincial do BNG solicitara a inclusión de Ricardo Rodicio, e dos outros tres contratados, como persoal eventual adscrito ó Grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego, e que como tales veñen desempeñando as súas funcións. Cando nos medios de comunicación trascende a posición do PP sobre este tema, o BNG provincial solicita os expedientes dos catro contratados, onde se comproba que, por un erro administrativo que a Área de Recursos Humanos da Deputación de Lugo recoñece por escrito, este persoal eventual foi adscrito á Área de Cultura, polo que se procedeu á súa corrección do Boletín Oficial da Provincia con data de 11 de xuño de 2013. Ademais, dende Recursos Humanos precisaron que “o erro administrativo non ten trascendencia de carácter económico, dado que os empregados eventuais recibiron as súas retribucións da consignación para grupos políticos, ó igual que os do PSOE ou do PP”. Trala explicación, o nacionalista José Luis Maceda criticou que “o PP vaia por un camiño de falsedade e desfachatez”, e denunciou que esta actitude dos populares “é unha estratexia para desviar a atención de cousas que o PP non quere que se saiban”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Setembro acolleu os Encontros de Nais e Pais en Chantada

Seguinte Nova

AFAMON celebrou o Día Mundial do Alzheimer

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

 
A %d blogueros les gusta esto: