Deputación e concellos manteñen o POS sen financiación do Goberno central

Aprobado o Plan de Obras e Servizos para 2014

•A dotación total do POS é de 2.767.107 euros, aportados nun 65% polo organismo provincial e nun 35% polos concellos •Este é o terceiro ano consecutivo sen aportación económica de Madrid

A finais de febreiro, o Pleno provincial aprobou, cos votos a favor do PSdeG-PSOE e BNG e a abstención do PP, o Plan de Obras e Servizos para 2014, ó que se destina un orzamento de 2.767.107 euros. Esta partida terá que ser financiada pola Deputación e os concellos, xa que o Goberno central non aprobou achega algunha para este concepto. Así, o organismo provincial aportará o 65% do financiamento do POS, con 1.754.412 euros, e os concellos achegarán o 35% restante, que ascende a 1.012.694 euros. Dende a Deputación de Lugo criticaron a supresión da achega que ata hai 3 anos viña realizando o Goberno central, e que supoñía o 50% do orzamento total do POS. Con aquel sistema, a outra metade repartíase a partes iguais entre Deputacións e concellos, que agora vense na obriga de aumentar a súa aportación económica se queren manter o Plan de Obras e Servizos, “debido a que Rajoy decidiu suprimir o financiamento estatal a este Plan en 2011”, criticou o deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez.

OBRAS PREVISTAS

O Plan de Obras e Servizos de 2014 inclúe 67 obras, maioritariamente son de carácter municipal. Así, 65 destas actuacións desenvolveranse en cada un dos concellos lucenses, agás Pantón, que renunciou de novo a sumarse ó POS, e Riotorto. Estas obras de carácter municipal corresponden a melloras nos accesos a pequenos núcleos rurais, pavimentación de rúas, abastecementos de auga ou subministros eléctricos. As dúas obras que completan o POS para este ano refírense a melloras en estradas provinciais. Estas actuacións desenvolveranse na vía As Nogais-Torés-Armesto, dentro dos términos municipais de As Nogais e Becerreá, e no tramo dende a LU-P-4606 á LU-P-5401, no municipio de Ribeira de Piquín.

CRITERIOS DE REPARTO

En canto ós criterios de reparto dos fondos do Plan de Obras e Servizos, este ano mantivéronse os mesmos que se aplican dende 2008. As bases establecen que todos os concellos reciban un mínimo de 10.000 euros, e a estimación da achega final por municipio calcúlase según a poboación, que puntúa nun 40%; o número de núcleos poboacionais, nun 25%; a superficie do término municipal, cun 20% na valoración; e a carga fiscal, co 15% restante.

PLAN COMPLEMENTARIO

No mesmo Pleno Provincial acordouse aprobar un Plan Complementario de Obras e Servizos, para o que a Deputación desetina 4.612.461 euros. Con esta partida, o organismo provincial financiará 20 obras, das que catro refírense a melloras en diversos viais provinciais, e as restantes corresponden a actuacións municipais. O sur de Lugo beneficiarase deste Plan Complementario: en Chantada destinaranse 35.357,12 euros á pavimentación do barrio de Marín; en Folgoso do Courel mellorarase o tramo da estrada LU-M-017013 con 45.523,11 euros; en Láncara, a Deputación achegará 21.940,99 euros para o acondicionamento e mellora de accesos ós núcleos de Toldaos e Monseiro. En Quiroga, o organismo provincial aportará 28.000 euros para o acondicionamento de accesos ós núcleos de Xanelo, San Pedro de Lor, Santa Cubicia, Paradapiñol, Paradaseca e Cereixido; en Sober destinaranse 28.500 euros á terceira fase do saneamento na parroquia de Millán.•

•O organismo provincial financiou con 214.500 euros 31 obras veciñais na comarca de Lemos

Estas obras, solicitadas polos veciños, serviron na metade dos casos para acondicionar camiños públicos e accesos a núcleos de poboación ou a zonas de traballo. Ademais, as actuacións supuxeron a mellora de locais e infraestruturas de uso comunitario, e dotacións de augas.Recentemente, quedaron completadas 13 obras nos municipios de Sober e Monforte, ás que a Deputación destinou 84.000 euros.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Aposta provincial polos autónomos, «piar fundamental na economía de Galicia»

Seguinte Nova

A VI Carreira Popular de Monforte celebrarase o 30 de marzo

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: