Reaccións ante a negativa da Xunta á sección de inglés da EOI en Chantada
A mediados de marzo, a coordinadora comarcal da zona Suroeste e secretaria de Economía, Pilar García Porto, acompañada do deputado autonómico e voceiro de Educación no Parlamento de Galicia, Vicente Docasar, e dos voceiros do PSOE nos municipios de Carballedo, Chantada e Taboada, anunciaron que pedirán aos alcaldes do Partido Popular que intercedan perante a Xunta de Galicia para que implante unha sección de inglés da Escola Oficial de Idiomas de Monforte no IES Lama das Quendas. Os socialistas presentarán unha proposición non de lei na Cámara, co obxectivo de que o Goberno galego retroceda na decisión manifestada, a instancias da iniciativa presentada por Docasar que previamente fora respaldada polos alcaldes das comarcas de Chantada e da Ulloa, así como polo claustro de profesores e o Consello Escolar do centro chantadino. “O noso obxectivo é que a Consellería rectifique porque entendemos que se hai un millón de euros para que unha empresa privada organice cursos de inglés nos Peares, tamén os debe haber para habilitar media praza de profesor en Chantada”. Os socialistas declararon que “non imos parar ata que se faga xustiza”.•