Celebrarase o 19 e 20 de abril, e lerá o pregón a actriz Cristina Castaño
Todo listo en Quiroga para a XXXII Feira do Viño, que terá lugar na fin de semana do 19 ó 20 de abril, e que este ano conta cun intenso programa de actos ó longo da primeira quincena do mes. Xa o día 5 tivo lugar a cata oficial dos viños participantes, celebrada na sala de catas do Museo Etnográfico de Quiroga, precedida do desfile dos 23 membros da Confraría do Viño de Quiroga dende a Casa Consistorial ata o espazo museístico.
CONCERTO DE MARÍA DO CEO O DOMINGO 13
A música e a arte serán as protagonistas dos actos do domingo 13 de abril. Ás seis da tarde quedará inaugurada a exposición de pintura de Suso Talento, na Casa da Cultura de Quiroga. A música chegará ás sete, co concerto de María do Ceo no Auditorio Municipal. Os interesados en asistir ó evento organizado pola Área de Festexos do Concello de Quiroga, poderán informarse dos puntos de venda na Casa da Cultura.
CARREIRA POPULAR E TORNEO DE FÚTBOL SALA
O deporte ten tamén o seu espazo no programa da XXXII Feira do Viño de Quiroga. Do 14 ó 17 de abril celebrarase o III Trofeo Fútbol Sala Feira do Viño, organizado pola Área de Deportes do Concello, e o venres día 18, a partir das 17 horas, terá lugar a X Carreira Popular Feira do Viño de Quiroga.
CAMIÑO DE INVERNO
A cultura e a historia protagonizarán a xornada do xoves 17 de abril, coa presentación, a partir das 19 horas na Casa da Cultura, da Guía del Camino de Invierno a Santiago, escrita por Aida Menéndez, presidenta da Asociación Camiños a Santiago pola Ribeira Sacra.
PROGRAMA DOS DÍAS DA FEIRA DO VIÑO
O sábado 19 abrirá a xornada ás cinco da tarde, con pasarrúas a cargo da banda de gaitas San Martiño, que dará paso á recepción de autoridades e á inauguración da XXXII Feira do Viño a cargo de Antonio Crespo Iglesias, director xeral de Desenvolvemento Rural. A partir das 18,30, o Auditorio Municipal acollerá a actuación da Coral Polifónica de Quiroga, a banda de gaitas San Martiño, e os grupos de danzas San Martiño e Arume da Queiruga, para rematar coa entrega de premios do XI Certame de Cartas de Amor Vila de Quiroga. A actriz Cristina Castaño lerá o pregón ás oito e media, e dará paso á verbena a cargo do grupo Garibaldi, cun descanso para a entrega do premio do Concurso de Camisetas ás 21,15. Os pasarrúas abrirán a xornada do domingo 20 de abril, e a entrega dos trofeos ós colleiteiros no Museo Etnográfico ás 12,45. Pola tarde, a actuación ás seis da charanga Terras do Bibei no recinto feiral porá o remate a esta celebración.•
O CONCURSO DE CAMISETAS PREMIARÁ CUN TROFEO E 100 EUROS EN METÁLICO Ó MELLOR DESEÑO
•O sábado 19 de abril terá lugar o Concurso de Camisetas, no que poden participar todos os grupos de máis de catro participantes.
INSCRICIÓN ANTES DO 16 DE ABRIL OU O MESMO DÍA DO CONCURSO
As camisetas deberán ter un deseño e lema vinculado á Feira do Viño, e quedarán excluídas do concurso as que conteñan elementos que denigren a persoas, grupos ou colectivos públicos ou privados. Os interesados en participar no Concurso de Camisetas da XXXII Feira do Viño de Quiroga deberán anotarse na Casa da Cultura antes do 16 de abril, ou ben o propio día do concurso antes das sete da tarde, na caseta de información municipal instalada no recinto da feira.
ENTREGA DO PREMIO
Para o funcionamento do concurso, un representante de cada grupo deberá acceder ó lugar do pregón, para expoñer a súa camiseta diante do público e da pregoeira, que será quen emita o veredicto final. O grupo gañador recibirá un trofeo e 100 euros en metálico, que se entregarán no palco da música o mesmo sábado ás 21,15 horas.
ATA O 18 DE ABRIL, CONCURSO DE TAPAS CON PREMIOS
O III Quiroga de Tapas conta con 20 locais que ofrecerán a súa tapa de concurso de 12,00 a 14,30, e de 19,00 a 22,30 horas. As tapas preparadas son Colapolo, do Remansiño; O sabor do doce, de Adega da María; Montadiño de champiñóns con guacamole e rulo de serrano con ourego, do Ciber-café A Pedra; Piquillos recheos de bacallau con tosta tapenade, de Las Palmeras; Fricandó de tenreira con cogomelos, de O Portón; Tosta rústica ó aceite de Quiroga, do Raposo; Solombo en salsa de mel e tomiño con cremoso horteño, do Quiper; Milfollas de rabo de touro, de A Taberna; Xoaniña, roupa vella con daiquiri, de Cafetería Quiroga; Tallaríns con salsa americana e ameixas de mar, do Ruxe-Ruxe; O sushi da nosa terra, do Cantar Miudiño; Tortiña rechea de carnes variadas, con salteado de verduriñas e crema de San Simón, do Lago; Carne tres delicias, do Bar Félix; Roliño de lacón con grelos sobre crema de patacas ó aceite de Quiroga, do Roxo Vivo; Paspallás en escabeche sobre verde con tomate concasse, de Casa Torres; Lombo con boletus en salsa de nata á pementa, do Chapakuña3; Delicia de grelos con lacón, do Recuncho de Dino; Filloa vermella rechea de bacallau con crocante de xamón, do Ferreiriño; Vieira envolta en kikos de millo, crema de San Simón e soia e marmelada de tomate, do Mesón Escaleira; Lacón cocido con pataca rechea de zorza, sobre base de crema de grelos, da Casa de Pedra. Entre os consumidores sortearanse 3 premios: 300 euros e cesta de produtos típicos; 1 cea, noite e circuíto termal para 2 persoas no Balneario de Augas Santas; e unha comida ou cea para 2 persoas en Rugando.•