• Disfrutarán de descontos de ata 60 euros para recibir tratamentos termais nos balnearios de Lugo, Pantón e Palas de Rei
• O vindeiro luns 18 de maio ábrese o prazo para inscribirse na quinta edición de Termalismo no Camiño, un programa de saúde mineromedicinal organizado pola Deputación de Lugo, e que ofrece aos lucenses maiores de 50 anos descontos de ata 60 euros en tratamentos nos balnearios de Pantón, Lugo e Palas de Rei.
CARACTERÍSTICAS DA ESTANCIA EN BALNEARIO
Serán un total de 1.200 as prazas dispoñibles neste programa entre os meses de maio e decembro. Cada usuario poderá disfrutar, cun desconto de ata 60 euros, dun paquete dunha estancia de 6 días con 5 noites, 5 pensións completas, con cea e aloxamento o domingo de entrada, e almorzo e comida o venres de saída, 8 técnicas de balneario, un recoñecemento médico á entrada, e programa de animación sociocultural de luns a xoves. Ademais, cada beneficiario poderá acudir cun acompañante, que poderá participar no programa aínda que non cumpra os requisitos de ter máis de 50 anos e estar empadronado na provincia.
CON ASISTENCIA E PROGRAMAS PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADES
Por vez primeira, Termalismo no Camiño ofrecerá atención especial ás persoas con problemas de mobilidade, garantíndolles a asistencia para o acceso a piscinas e habitacións, así como programas especificamente deseñados para persoas con discapacidades físicas, psíquicas ou sensoriais, con entornos adaptados e favorecedores do descanso de familiares e coidadores. Para beneficiarse destas vantaxes só será necesario que o beneficiario acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% e presente un informe médico favorable.
COMO INSCRIBIRSE
Só se aceptarán as inscricións realizadas polas persoas interesadas, sen delegar en Concellos ou entidades, presentando no Rexistro Xeral da Deputación de Lugo a documentación que poderán obter na web www.deputacionlugo.gal, xunto cun certificado de empadroamento e unha fotocopia do DNI.
Unha vez seleccionados, os propios participantes ou ben un familiar directo, deberán recoller na Deputación, no Servizo de Relacións Institucionais, os bonos que presentarán no balneario seleccionado. Estes bonos tampouco se entregarán a ningún representante de Concellos, asociacións ou calquera tipo de entidade allea. Os interesados dispoñen de máis información no web www.deputacionlugo.gal e no teléfono 982 260 075.•