
A actividade cultural que se rexistra na Pobra está a acadar recoñecementos. A serie dixital «Adegas da Memoria», que se rodou na parroquia de Vilachá de Salvadur, acaba de ser seleccionada para competir na sétima edición do Carballo Interplay, un festival internacional de contidos dixitais que se celebrará do 18 ao 21 de novembro. Dende a organización do festival, e segundo comunicaron dende o Concello da Pobra, a serie gravada en Vilachá forma parte das 30 pezas seleccionadas «que representan unha completa panorámica do estado das webseries a nivel mundial».
A serie é iniciativa da Asociación de Veciños de Vilachá e o Concello, dentro dun proxecto para «indagar no pasado e presente da Ribeira Sacra». Dirixida por Xosé Gago e realizada por Iago Seoane e Rudá Cordaro de Nas Beiras, conta coa voz poética de Olga Novo e a participación dos veciños. •