A gratuidade no transporte público interurbano esténdese aos menores de 21 anos de toda Galicia a través da tarxeta Xente Nova

•Esta tarxeta pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas nas catro provincias

Dende o 21 de maio, todos os menores de 21 anos de Galicia poderán viaxar de balde no transporte público da Xunta a través da tarxeta Xente Nova. Esta medida supón estender a gratuidade a toda a mocidade galega, que poderá viaxar de balde no autobús interurbano da Xunta nos 313 concellos galegos, ademais de no barco na ría de Vigo, e no ferrocarril de vía estreita na área de Ferrol.
A tarxeta Xente Nova pode adquirirse en calquera das 213 oficinas de Abanca habilitadas para expedilas nas catro provincias galegas. Para empezar a empregala, hai que cargar a tarxeta cun saldo inicial co que se aboarán as viaxes, saldo que, posteriormente, será reintegrado no mesmo dispositivo.

MÁIS DE 8 MILLÓNS DE VIAXES GRATUÍTAS COA TARXETA XENTE NOVA DENDE 2016
Dende a Xunta salientaron que a pandemia non freou a utilización deste servizo. De feito, 2020 foi o ano no que se rexistrou un maior incremento no número de tarxetas expedidas, con máis de 21.000 novos dispositivos. Dende a implantación da tarxeta Xente Nova en 2016, realizáronse máis de 8 millóns de viaxes gratuítas. Nesta medida, a Xunta investiu case 8 millóns de euros.
A zona con máis dispositivos expedidos é a área da Coruña, con case 23.480 tarxetas, seguida pola de Vigo, con preto de 17.610. Ourense sitúase en sexto lugar tras Santiago, Ferrol e Pontevedra, con máis de 2.900.

UNHA INICIATIVA SOCIAL PARA AS FAMILIAS E A MOCIDADE

O apoio á economía das familias, o acceso da mocidade aos servizos básicos, sobre todo á educación non obrigatoria, así como o fomento entre os máis novos do transporte público como mobilidade sustentable son os eixes sobre os que se asenta a tarxeta Xente Nova, posta en marcha pola Xunta en 2016.

MÁIS COBERTURA EN IDADE E ÁREAS DE INFLUENCIA
Esta iniciativa social comezou favorecendo o transporte público de balde para os menores de 19 anos nas áreas de transporte metropolitano. A Xunta foi ampliando progresivamente a cobertura estendéndoa aos menores de 21 anos das áreas de transporte metropolitano e, dende xuño de 2020, tamén a toda a provincia de Ourense e en 13 concellos da área de Pontevedra. Dende o 21 de maio de 2021 a cobertura chega a toda Galicia.

AFORROS DE CASE 1.800 EUROS NAS VIAXES DUN CURSO ACADÉMICO
A tarxeta Xente Nova supón un importante aforro para as familias. Por exemplo, unha moza de Verín que estuda en Ourense todo o curso precisaba destinar case 200 euros mensuais, cun prezo por viaxe de 4,55 euros. Coa gratuitade que aporta a tarxeta Xente Nova, a moza e a súa familia aforran case 1.800 euros nos 9 meses que dura o curso.

UNHA TARXETA GRATUÍTA, PRÁCTICA E DE USO SINXELO

• MÁIS DE MEDIO CENTO DE VIAXES MENSUAIS DE BALDE. A tarxeta Xente Nova permite realizar cada mes ata 60 viaxes interurbanas gratuítas.

• FÁCIL RECARGA. A tarxeta pode recargarse nos caixeiros de Abanca, ou nas 213 oficinas de Abanca habilitadas. Tamén se pode recargar de xeito telemático por banca móbil ou banca electrónica da mesma entidade. Estase a traballar para que os usuarios poidan levar a tarxeta directamente no móbil e non ter que ir ao caixeiro.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A experiencia do Museo do Pazo de Tor, modelo para o futuro de Meirás

Seguinte Nova

Enquisas

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: