O VAL DE LEMOS ASÓMASE AO ABISMO DEMOGRÁFICO

• A decadencia económica acelera a perda de poboación nunha comarca moi envellecida.

Gonzalo L. Torres, Editor de EnComún

Os datos, dinnos que en 2021 a idade media da poboación supera os 55 anos e
que os habitantes menores de 20 anos non chegan ao 11% do total. (Foto EnComún)

Vivimos tempos complexos, nos que os discursos intencionados adoitan confundirse con noticias e a virtualidade coa realidade, aínda que, esta sempre está ante os nosos ollos, e, terca, imponse inexorablemente. Para comprobalo imos facer unha viaxe no tempo e nos datos, adentrándonos nas nosas terras regadas polos ríos Sil e Cabe, unha parte do que hoxe se coñece como Ribeira Sacra, denominación inventada en pos do turismo e o viño, tan ansiada como escasa panacea para unhas terras que historicamente se coñeceron como Val de Lemos ou Terras de Lemos. Pero poñamos unha data para o noso viaxe temporal: en 1860 as Terras de Lemos e Quiroga, conformadas polos concellos de Monforte, Sober, Pantón, Saviñao, A Pobra do Brollón, Bóveda, Quiroga, Ribas de Sil e Folgoso do Caurel tiñan 70.637 habitantes, 8.000 máis que a comarca de Lugo, e apenas 5.000 menos que a comarca da Coruña. En 1940, 80 anos máis tarde, o val de Lemos chegaba aos 90.080 habitantes, unha poboación similar á da comarca de Lugo e xa moi inferior ao impulso alcanzado pola da Coruña, que pasaba xa dos 171.000 habitantes. En 1940 Monforte de Lemos, a capital da comarca superaba os 22.000, era unha cidade puxante e dinámica, culta, con varios cinemas e teatros e un potente sector industrial que crecera ao ritmo que a industria ferroviaria marcaba. Entón, na estación e talleres de Renfe de Monforte traballaban máis de 1.500 obreiros. Pero non era o seu único motor económico, na cidade, cruzamento de camiños, que albergaba a entrada natural a Galicia por tren e estrada, había industria do calzado, cerámicas, minería, cárnicas ademais dun forte sector gandeiro e agrícola. E non só era Monforte, O Saviñao tiña perto de 13.000 habitantes, Pantón 11.450, Sober 10.932, A Pobra 7.600, Bóveda 5.019, Quiroga 9.043, Ribas de Sil 4.142 e Folgoso 6.749. Había vida nas vilas e nas aldeas. Hoxe 80 anos despois, esta comarca languidece cunha poboación envellecida e diminuída. En 2021 a súa poboación apenas chegaba aos 36.600 habitantes, é dicir perdeu case 54.000 habitantes nos últimos 80 anos. Seguindo coa comparación, nese mesmo período a comarca de Lugo seguiu crecendo ata os 120.000 habitantes, e a da Coruña ata os 405.000. Pero non soamente perdeu poboación, perdeu algo moito máis importante, a súa propia identidade. Nada queda xa do seu antigo esplendor como principal núcleo ferroviario de Galicia, apenas un magnífico museo, que non serve senón para dar fe dunha historia tan real como afastada e perdida, e os restos dunha estación que agora se empeñan en renovar e modernizar pero pola que apenas pasan trens de pasaxeiros, e na que traballan uns poucos ferroviarios. Nunha recente presentación da Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, non tivo reparos en destacar “as medidas dirixidas á modernización do ferrocarril atendendo así ou compromiso decidido que asumiu este Goberno coa provincia, saldando unha débeda histórica e que se traduce nunha inxección económica de 545 millóns de euros para conectar a Lugo co AVE”. O AVE que por fin chegou a Galicia este ano, en concreto á estación de Ourense, e para o que hai unhas nefastas conexións coa provincia de Lugo, cuxas liñas ferroviarias levaban decenas de anos sen modernizarse. Unha vez máis, ficción e realidade contrapóñense. Electrificarán as vías, e establecerán novas conexións entre Ourense e a capital da provincia, Lugo, para facilitar ligazóns co AVE, pero os trens seguirán pasando de longo ante os ollos dos monfortinos, trens modernos e rápidos, pero aos que xa ninguén espera. Débeda histórica, é un concepto que estivo presente no discurso político territorial autonómico durante os últimos trinta anos e que fai referencia á valoración e cuantificación da débeda con determinados territorios en virtude das decisións perxudiciais políticas tomadas no pasado polas distintas administracións. Famosa foi a reclamación da débeda histórica con Andalucía ou Estremadura, abonada en parte polos gobernos de Zapatero e Rajoy respectivamente. Agora é un concepto de novo en boga, polas reclamacións da Comunidade Valenciana e Cataluña, ao que se suma de novo Andalucía, cunha segunda débeda histórica pendente. Pois nestas comarcas de Lemos e Quiroga deixadas á súa sorte durante tantos anos, tamén temos todo o dereito a reclamar unha débeda histórica. E témome, aínda que cuantificala non sería tarefa fácil, que sería moi superior aos 545 millóns destinados á electrificación de vías entre Lugo e Ourense, que realmente en pouco ou nada repercutirán na nosa vida real, máis aló dalgún menú diario que consuman os operarios desprazados aos traballos contratados por Adif. Boa proba do alcance dos danos que sufriu esta comarca, póñense de relevo cos datos demográficos que estamos referindo. Ningunha realidade hai máis obxectiva que a perda de poboación. Case un 60% nos últimos 80 anos. Pero un achegamento máis detallado á estrutura por idades da poboación actual, fai que, de novo, a realidade empéñase en contradicir os discursos imperantes. As cousas están mal, levan moitos anos mal e non se está facendo o suficiente para investir unha tendencia, que de manterse, converterá a comarca nun conxunto de pobos pantasma cheos de anciáns. Unha sorte de residencia da terceira idade con precariedade de servizos. Os datos, dinnos que en 2021 a idade media da poboación supera os 55 anos, que os habitantes menores de 20 anos non chegan ao 11% do total, que os índices de envellecemento (número de maiores de 64 anos por cada 100 menores de 16) está xa en 488 en Quiroga, Folgoso e Ribas de Sil e en 303,43 na comarca de Lemos. Son datos arrepiantes, que ademais se están incrementando ano tras ano desde 2002.
Os índices de crecemento son negativos, e o índice de recambio da poboación activa (relación entre a poboación entre 60 e 64 anos e a poboación entre 15 e 19 anos que serve para medir a capacidade dunha poboación para substituir os individuos que se van xubilando) oscila entre os 240 da comarca de Lemos e os 433 da de Quiroga. O panorama é desolador. E todo isto está a ocorrer por algún motivo que ninguén se preocupou de estudar a fondo, para tratar de paliar e se procede, reclamar responsabilidades. Loxicamente, máis aló do posible interese científico e sociolóxico que puidese ter para algún universitario local. Entendo que os verdadeiros interesados en desenvolver esta cuestión deberían ser os líderes políticos locais, primeiro para poder diagnosticar que está a pasar no seu territorio, a que problemas enfróntanse, e como abordalos, e segundo para lanzar un discurso reivindicativo ante os gobernos provinciais, autonómicos e estatais. Nos concellos das Terras de Lemos e Quiroga, gobernan indistintamente diferentes partidos, o BNG, o PP, e o PSdeG-PSOE. Mesmo en Monforte, capital da comarca, nos últimos 40 anos, tamén houbo alternancia, con gobernos de Coalición Galega, BNG, PP e PSdeG-PSOE, maiorías absolutos, e pactos de goberno, pero con tendencias similares. O patrón de comportamento repítese: reproches continuos e cruzados que rozon o persoal, críticas continuas por acción u omisión, escasas propostas, e poucos acordos máis aló das típicas cuestións cotiás. Máis discusións e reproches cruzados que consenso e colaboración nos plenos municipais, salvo honrosas excepcións. O día a día centra normalmente a atención dos gobernos locais, con poucos medios e recursos, nos que normalmente non hai tempo nin capacidade para unha visión analítica e estratéxica. Non parece que a clave da cuestión estea por tanto na cor dos partidos de goberno, se non no talante e talento persoal dos participantes na política local, que de xeito habitual teñen presente na dialéctica política a cuestión sanitaria, unha das poucas causas que xeraron movilizacións cidadás de calado. Un protagonista de discusión é o Hospital Comarcal de Monforte, que habitualmente adoita ser obxecto de reivindicacións ou críticas máis ou menos intencionadas ao seu bo ou mal funcionamento. O discutido Hospital que, por outra banda é o principal empregador da comarca, pero que vive baixo a continua ameaza de desmantelamento e perda de servizos ante a centralización no novo Hospital de Lugo das principais especialidades e cirurxías.
Faise evidente que faltou visión desde a restauración da democracia. Non hai unha causa única que explique este declive poboacional e económico, sería inxusto e ventaxista votar toda a culpa á clase política. Tamén os cidadáns da pie somos responsables, e os empresario. Non terminamos de entender que fai falta unha audacia imprescindible para contribuír á creación de riqueza e emprego nunha contorna territorial máis competitiva que nunca. E todos temos que aportar, e non o fixemos. E necesario apelar á creatividade que de verdade enriqueza á contorna, que de oportunidades aos mozos, para que valoren adecuadamente o que teñen, e non crezan desexando que chegue o día de marcharse. Todo se apostou á carta do viño e o turismo. E non foi, non é suficiente. E agora é posible que todo sexa xa tarde. Durante algúns anos os habitantes destas terras viron como perdían o tren, como desaparecían as fábricas de calzado, máis de sesenta chegou a haber nos anos 70 con máis de 1200 empregados. Viron como se esfumaba o proxecto de gran matadoiro galego, que finalmente se instalou en Lugo, como se pechou a Chacinera Campoverde, como a fabricación de ladrillos e tellas que tiña fábricas en Monforte, Rioseco, Rubián ou Canabal hoxe non existe. Pechouse a planta embotelladora de Butano, para deixar o seu sitio ao que ía ser gran proxecto estratéxico e loxístico de Galicia, un Porto Seco, que a día de hoxe non é máis que un enorme solar baleiro. O gran proxecto redentor de Franco nos 60, a Canle de Regadío, que ía converter á comarca en gran produtor de tabaco e remolacha de España é unha mera reminiscencia do pasado. O vivo exemplo do que puido ser e non foi. E pregúntome, unha e outra vez, por que non instala Adif en Monforte novos centros produtivos, que sirvan para crear postos de traballo e que xeren riqueza nesta comarca? Por que non restituír o tecido produtivo que foi desmantelado, por razóns non sempre estritamente económicas? Iso si sería pagar a débeda histórica.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Dous anos despois, Sarria celebrou ao grande o San Xoán máis agardado

Seguinte Nova

Presentado o cartel do Folión de Carros de Chantada

Últimas noticias sobre PORTADA

A %d blogueros les gusta esto: