• Estas actuacións son de gran relevancia social, non só polo investimento económico, senón tamén porque esta vía provincial é a que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello
A Deputación de Lugo vén de acometer o arranxo dun total de case 4 quilómetros da estrada LU-P-5811 entre O Torno e Gorgonzo, no concello do Saviñao. O organismo provincial destinou 175.450 euros para acondicionar este treito de 3,814 quilómetros.
RENOVACIÓN
COMPLETA DO VIAL
Este proxecto, recentemente rematado, foi acometido pola empresa Fevisa Vías e Obras, e incluiu a limpeza de cunetas nos case catro quilómetros de vía, coa retirada da vexetación localizada e a reapertura das gabias. Esta operación permitiu mellorar a visibilidade, reducir o risco de incendios forestais, e facilitar a eliminación das augas pluviais en caso de chuvia. Tamén se levaron a cabo labores de acondicionamento do firme propiamente dito, mediante a aplicación dunha capa de aglomerado.
Coa maquinaria precisa, a nova superficie quedou asentada e equilibrada para garantir unha boa adherencia en circulación e evitar riscos para os vehículos.
Os traballos completáronse co pintado, con pintura branca reflectante, dos correspondentes sinais horizontais e a colocación de novos sinais verticais.
APOSTA POLA MOBILIDADE
A institución provincial resalta a importancia dos traballos, non só polo investimento económico, senón tamén porque esta vía é a que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello do Saviñao.
Precisamente, a mobilidade é unha das grandes liñas de actuación que impulsa a Deputación de Lugo como unha prioridade á que dedica un terzo do Orzamento anual. Un esforzo económico que se ve respaldado por outras colaboracións que establece a Deputación cos concellos para adecentar vías municipais a través do Plan Único e doutros acordos, e a colaboración que se fai con outras administracións.
O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, destacou que se trata dunha “actuación importante máis aló do seu custe económico porque é a vía que vertebra as comunicacións coa parte norte do concello do Saviñao».
O mandatario provincial incidiu en que «unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos. Ademais, a obra pública tamén é importante para incentivar a actividade económica e axudar a manter ou crear emprego”. •