Lembremos a Rosalía, no aniversario do seu nacemento

POEMA ‘Miña casiña, meu lar’

Miña casiña, meu lar,
cantas onciñas
de ouro me vals.
Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar
i anque ganas tiña delas
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar;
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me varría
que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían
que me fora a avergonzar.
Volvinme á miña casiña
alumada do luar;
rexistrei cada burato
para ver de algo atopar:
atopei fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa,
púxenme a Dios alabar.
Quixen alcende-lo lume,
non tiña pau que queimar.
Funllo a pedir a unha vella,
tampouco mo quixo dar
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.
Volvín triste coma a noite
a chorar que te chorar.

Collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar.
Rexistrei polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios dar.
Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna…
Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar.
Máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar
e ca fariñiña munda
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar,
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar.
Despois que o tiven comido,
volvín de novo a rezar
e despois que houben rezado
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba
púxenme logo a cantar
para que me oíran
en todo o lugar:
Meu lar, meu fogar,
cantas onciñas
de ouro me vals

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O proceso electoral do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra suporá a despedida de José Manuel Rodríguez como Presidente

Seguinte Nova

A Deputación de Lugo celebra o 8-M cunha nova edición do ciclo de concertos Con Voz de Muller

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio

Don't Miss