Por S. Veiga
No mes que festexa o Día das Bibliotecas, o sur de Lugo vén de recibir a visita de Yolanda Castaño, recente Premio Nacional de Poesía 2023. O itinerario poético desta autora, nacida en Compostela e vinculada á Coruña dende hai décadas, tivo como primeira parada o colexio da Pobra do Brollón na xornada do 19 de outubro. A laureada poeta achegou aos escolares a esencia da súa obra a través dun contacontos en verso baseado en diversas producións súas adicadas ao público infantil. Na xornada de tarde, Castaño mantivo un encontro cultural con lectores e veciñanza na Casa da Cultura Olga Novo, mesturando versos con anécdotas ao longo dun percorrido polo seu extenso e recoñecido labor literario que arrancou cando só tiña 17 anos. A autora compartiu co público asistente unha reflexión vital sobre o seu difícil camiño creativo como muller, galega e poeta.
Días despois, Yolanda Castaño fixo unha parada obrigada no IES A Pinguela de Monforte, punto de encontro ineludible no mapa cultural e, tamén, emocional da poeta compostelá. “A Pinguela é o instituto que máis teño frecuentado en toda a miña carreira”, explicou, emocionada ao voltar ao centro no que empezou a impartir charlas hai máis de 20 anos. O instituto monfortino ofreceulle, como sempre, unha agarimosa acollida nun acto no que Castaño falou de poesía co alumnado de cuarto curso da ESO, co acompañamento do profesorado do Departamento de Galego.
Estas actividades dan fe da excelente vitalidade cultural do sur lucense, ao recibir á gañadora do Premio Nacional de Poesía 2023. O recoñecemento do Ministerio de Cultura á autora do poemario “Materia” xustifícase “pola poderosa proposta poética na que cada estado da materia se expresa nun ton propio, con poemas dunha metafísica doente e orixinal, que apunta tanto á vangarda como á orixe cunha extraordinaria forza evocativa e sensorial”. O xurado deste galardón destacou ademais que na obra “Materia”, Yolanda Castaño “amósanos unha poesía metafórica que dialoga coa memoria persoal e colectiva e, á súa vez, directa, radical e feminista”. A través do libro premiado, a poeta galega “explora, de xeito non compracente, temas como a maternidade, a familia e os costumes e logra sacar a realidade da súa nebulosa habitual para concretala en materia lingüística, destacando o xogo verbal e rítmico que cuestiona o establecido”.