A subzona de Chantada será unha das beneficiadas pola promoción resultante da marca Viticultura Heroica

Redacción- Chantada

O Centro de Investigación, Estudo, Salvagarda, Coordinación e Valoración da Viticultura de Montaña (CERVIM), deu un paso máis no respaldo e promoción da viticultura de montaña coa creación da nova marca que referencia a Viticultura Heroica. Tal e como explicaron dende o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, “o logo non será unha marca comercial, senón unha marca de pertenza á viticultura de montaña”. Xa na súa presentación, o presidente do CERVIM, Roberto Gaudio, explicou que “esta marca pretende valorizar a paisaxe, a cultura e a viticultura”. E para poder empregar esta marca nos viños é necesario ser socios do CERVIM, e en España, só a Denominación de Orixe Ribeira Sacra ten catalogados os seus viñedos como viñedos de montaña dentro desta entidade. Así por exemplo, a subzona de Chantada é unha das áreas que forman parte deste grupo de viñedos.

MÁIS VISIBILIDADE DOS VIÑOS NO MERCADO GRAZAS A ESTA DIFERENCIACIÓN, E MÁIS ACHEGAMENTO AO APOIO DE EUROPA

Para José Manuel Rodríguez, presidente do Consello Regulador, “esta marca servirá para garantir ao consumidor unhas condicións de produción, unha localización que tenderá a diferenciarnos e a chegar ao consumidor cunhas fórmulas e tipoloxías distintas; é dicir, a marca axudará en principio á venda do produto pola súa diferenciación”. É preciso ter en conta que son viños que se producen en Europa nunhas condicións determinadas como son as de forte pendente, tal e como ocorre na subzona de Chantada e en moitas outras da D.O. “Entendemos que todos os que estamos nesas condicións, ao traballar nesa diferenciación, pois tamén deberíamos venderlle ao consumidor esa imaxe e ese territorio no que estamos ubicados”.

Non obstante, en relación ás feiras do viño, como as de Chantada, Sober, ou mesmo Pantón, José Manuel Rodríguez non ve claras as súas repercusións. “Eu coido que isto non é algo para circunscribilo a un evento como pode ser unha feira determinada, senón ao comercio a nivel nacional; quero dicir que isto enmárcase máis dentro dunha liña de vender un logo, de vender unha imaxe colectiva de cara ao exterior e de cara ao mercado xeral, dun viño que se produce nunhas características determinadas, e como é neste caso, nunha paisaxe inigualable”. Ao mesmo tempo, trátase de reclamar maior apoio dende Europa para este tipo de viticultura, e de distinguir unha cultura de produción. A todo isto contribúe tamén o Consello Regulador da Ribeira Sacra con tres obxectivos primordiais: garantindo a orixe do produto, asegurando a calidade do mesmo e promocionando os viños producidos ao amparo da D.O.

IMPORTANCIA DO TRABALLO CONXUNTO PARA A PROMOCIÓN DA ZONA

En relación a outro tipo de actividades, como a posta en marcha do tren Aba Sacra que fará percorridos turísticos por estas zonas, o presidente do Consello Regulador afirmou que se trata de iniciativas máis que positivas. “Todo o que esté dirixido a achegar este territorio da Ribeira Sacra á xente, e a darlle a coñecer a realidade dos nosos viñedos, das nosas xentes e demais, todo iso é positivo de cara a vender o colectivo; a Ribeira Sacra é un territorio onde hai moitas máis cousas que viño, onde hai paisaxes, hai arte, historia, arquitectura e unha intensa gastronomía, entre outras moitas cousas”, concluíu Rodríguez.

O sector vinícola galego adquire especial relevancia nas zonas de Denominación de Orixe, de aí a importancia dunha marca colectiva que o impulse aínda máis. Segundo o Rexistro Vitícola de Galicia, o potencial produtivo estabilizouse en arredor de 33.000 hectáreas, distribuídas entre algo máis de 700.000 parcelas e 200.000 titulares do viñedo.

VALORACIÓN A PÉ DE RÚA

Alejandro Miranda  – Enxeñeiro

“Na miña opinión, que se lle outorgue unha marca como esa servirá para darlle publicidade aos viños da zona, e tamén para promocionar un pouco máis o turismo. E logo, supoño que como unha cousa leva a outra, tamén axudará a crear postos de traballo grazas ao recoñecemento que supón.”

 

Elena Dos Santos – Estudante

“Eu creo que este tipo de recoñecementos sempre son positivos porque outorgan maior proxección de cara a mercados exteriores, e non só iso, senón tamén de cara ao turismo. E por suposto tamén é un orgullo para os nosos viticultores; recoñécese a dura labor que supón traballar neste tipo de terreos.”

Carlos Arias – Enxeñeiro

“A min paréceme ben a creación dunha marca colectiva. Sen embargo, máis que marcas, creo que deberían contribuír con outro tipo de axudas económicas, sobre todo para a supervivencia deste tipo de cultivos. Traballar en viñedos de montaña sempre é máis complicado, e todo tipo de axudas son ben recibidas.”

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Duras críticas aos catro soldos políticos no Saviñao

Seguinte Nova

Como reducir os danos por fauna salvaxe nas viñas

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: