As axencias de viaxes súmanse ao programa Km0

Novo convenio para activar a economía provincial a través do turismo

Ofertarán rutas á carta pola provincia de Lugo tamén para visitantes de fóra, aproveitando as sinerxias co plan desenvolvido polo organismo provincial

Baixo a etiqueta “Km0.Mueve Lugo”, a Deputación de Lugo ven de extender ao sector das axencias de viaxes as sinerxias e vantaxes xeradas nos cinco anos de funcionamento do programa Km0. Con este fin, o presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o delegado en Lugo da Asociación Galega de Axencias de Viaxes (AGAVI), José Quiroga López, asinaron un convenio para a posta en marcha desta iniciativa no mes de xaneiro.

O presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e o delegado en Lugo da Asociación Provincial de Axencias de Viaxes (AGAVI), José Quiroga López, durante a presentación do convenio de colaboración. GPDL

KM0: 1,5 MILLÓNS DE EUROS DE BENEFICIO PARA O COMERCIO, A HOSTELERÍA, O TURISMO E A ARTESANÍA LUCENSES

Durante a presentación deste proxecto, o mandatario provincial lembrou que esta iniciativa da Deputación de Lugo arrincou en 2008 cun amplio programa de rutas turísticas ao longo da nosa provincia que supuxeron, según indicou Besteiro, o mantemento de 1.370 empregos directos en sectores de importancia estratéxica como hostelería, comercio, artesanía e turismo mediante a colaboración con 250 empresas lucenses, que rexistraron beneficios de preto de 1,5 millóns de euros pola participación de 40.000 persoas. Gómez Besteiro precisou que “non queremos morrer de éxito, senón seguir avanzando nesta liña”.

PROGRAMA “IMPOSIBLE DE DESEÑAR” POLAS AXENCIAS SEN O TRABALLO PREVIO DA ADMINISTRACIÓN

Pola súa banda, o delegado en Lugo da Asociación Galega de Axencias de Viaxes, José Quiroga López, valorou “moi positivamente” esta “oportunidade para as axencias de viaxes de participar neste ambicioso proxecto”. Quiroga López suliñou que as expectativas desta Asociación respecto a esta iniciativa son “moi boas”, e precisou a importancia de poder formar parte do “Km0.Mueve Lugo”. “Para as axencias de viaxes é moi importante poder ofrecer a ampla variedade de rutas e de puntos de interés que se foron deseñando e incorporando dende a Deputación de Lugo nos cinco anos do programa Km0”, explica Quiroga López. “Para nós é praticamente imposible elaborar paquetes ou rutas onde figuren muíños singulares propiedade de particulares, por exemplo, ou a colaboración de colectivos como as redeiras, e que dende a Administración provincial conseguiron integrar este tipo de atractivos turísticos que agora poderán coñecerse, dentro e fóra da provincia de Lugo, a través dos programas que ofertarán as axencias de viaxes”.

As axencias de viaxes poderán sumarse ao programa provincial de Km0, incluindo rutas á carta pola provincia de Lugo, abrindo o programa a visitantes de fóra da provincia. EC

PROXECTO “CON FUTURO” QUE SE PRESENTARÁ A ESTABLECEMENTOS DE TODA A PROVINCIA

Neste sentido, o responsable en Lugo da Asociación Galega de Axencias de Viaxes agradeceu “esta oportunidade que ofrece a Deputación ás axencias de viaxes ante a crise que estamos a sufrir no sector”, e cualificou ao “Km0.Mueve Lugo” de “proxecto con futuro”. Pola súa parte, o mandatario provincial anunciou que proximamente presentará este proxecto a establecementos de toda a provincia “para que se sumen ao Km0.Mueve Lugo”.

RUTAS MÁIS AMPLAS COS SERVIZOS DE SEMPRE E PODENDO INCLUÍR PERNOCTAS

Segundo explicaron os responsables deste proxecto, os programas de “Km0.Mueve Lugo” parten das rutas que xa existían no Km0, engadindo algunha máis. A novidade é que integra circuítos máis amplos que poden incluir pernoctas, aínda que manteñen as programacións xa tradicionais do Km0 como actividades de multiaventura, visitas guiadas a museos, parques naturais, lonxas, adegas, queixerías, fábricas de embutidos, obradoiros artesanais, establecementos de produtos autóctonos, etc. Ademais, o programa “Km0.Mueve Lugo” inclúe rutas para grupos de todas as idades con guías en galego, castelán e inglés. A programación do “Km0.Mueve Lugo” é sufragada integramente polos viaxeiros, con tarifas a partir de 5 euros según os servizos á carta que se queiran incluir, e o organismo provincial actuará como central de reservas con persoal propio, planificando as rutas en coordinación coas axencias de viaxes de Lugo, as encargadas de comercializar o produto. Dende o organismo provincial indicaron que a partir de xaneiro os interesados neste programa poderán atopar toda a información na web www.deputaciondelugo.org, ou directamente no departamento Km0 da Deputación.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Compromiso para poñer en valor o leite galego

Seguinte Nova

El Lemos empata 1-1 en Sada con gol en el descuento.

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: