
Ramón Fernández Reinoso naceu en Sabadelle (Chantada) hai 34 anos. Cursou estudos de Empresariais e é empresario do sector agrícola. Aínda que militante do PP dende hai moitos anos, inicia agora como cabeza de lista a súa andaina política, que di afrontar con moita ilusión.
Como afronta a súa candidatura?
Con moita ilusión, con moita forza e con moitas gañas de traballar, porque Chantada e os chantadinos son o meu pobo e a miña familia, así que para diante.
Que perspectivas hai de cara ás eleccións?
Primeiro traballar moitísimo, logo sacar unha maioría absoluta, chegar a todos os veciños coa miña mensaxe e que, por suposto, confíen en nós.
De gañar as eleccións, cales son os seus principais retos?
Sen lugar a dúbidas, primeiro o emprego, crear postos de emprego; e en segundo lugar, que é outra das ilusións que temos os chantadinos, axudar a conseguir esa identidade propia traendo as inversións necesarias para que o noso pobo poda funcionar. I é que, ainda que Chantada é un municipio que está bastante ben en comparación con outros, sempre hai cousas que mellorar. Ainda así, o máis importante é o emprego, sen dúbida.
Contempla a posibilidade de gobernar en coalición?
Nós só nos uniríamos con outro grupo antes das eleccións, pero despois das eleccións non, por respeto aos nosos votantes. É dicir, a partir do día 22, non nos uniríamos con ninguén baixo ningún concepto. Como vai a desenvolver a súa campaña? Ainda estamos a elaborar un calendario, pero queremos contar con todos os nosos afiliados e falar con eles, por iso tamén iremos porta por porta. Tamén veñen de inaugurar oficina o pasado día 21.
Cal será a súa función?
Sobre todo, a de estar máis a pé de rúa e máis preto da xente para que as persoas nos poidan comunicar as súas suxerencias e inquedanzas. Trátase de que antes das eleccións nos axuden a conformar o noso programa electoral coas súas propostas.
Pódenos adiantar que incluirá ese programa electoral?
Fundamentalmente, propostas orientadas cara o sector vitivinícola, propostas tamén orientadas cara o sector gandeiro e agrícola, e tamén cara o ámbito do turismo. Pero tampouco imos esquecer o polígono industrial nin as comunicacións por estrada como son as autovías máis importantes.