O Concello xa ten en marcha o proxecto de A Ribeira
Redacción-Monforte
O Concello de Quiroga xa ten en marcha a creación dun edificio multiusos no barrio de A Ribeira. Segundo explicou o alcalde, Julio Álvarez, “trátase dun edificio multiusos, pero que en realidade será un híbrido entre centro de día e lugar para persoas con risco de exclusión social”. A posta en marcha de dita infraestrutura conleva certa organización, que tal e como indicou Álvarez, comezou coa ampliación do campo da festa de A Ribeira, na parroquia de Hospital. “Compramos os terreos anexos ao mesmo e así ampliamos o campo, con parque infantil, zonas verdes, pistas polideportivas e co equipamento de mobiliario urbán necesario”. Pola súa parte, o edifico contará con dúas prantas de 700 metros cadrados cada unha. En ditas plantas situaránse o centro de día, cos seus respectivos servizos; e por outro lado, “o que serán unha especie de pisos de acollida para os colectivos en risco de exclusión”.
A futura dotación de Servizos Sociais, que terá capacidade para 24 persoas, conta cun orzamento de 900.000 euros aproximadamente, incluído o custe dos terreos, e xa se atopa na súa primeira fase de execución. O proxecto está financiado por “fondos Leader, en colaboración con outras administracións”, tal e como apuntou o rexedor. En canto a prazos de execución, Julio Álvarez engadiu que esperan poder comezar co edificio antes de que remate o ano, e telo en funcionamento para o Nadal de 2012.