Redacción-Monforte
¿ Que tarefas e actividades están a ocupar este verán ao Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra?
Está centrado fundamentalmente na representación de toda a Ribeira Sacra, traballando con maioristas coma o Corte Inglés e organizando grupos de turistas. E aínda que temos que facer máis con menos, porque o diñeiro é limitado neste contexto de crise, intentaremos que para outubro estean en marcha as 20 oficinas de turismo virtuais en todos os concellos da Ribeira Sacra. Con isto imos dar un salto cualitativo importante ao poder ofertar un servizo de calidade aos turistas que se acheguen á Ribeira Sacra. Por outro lado, seguimos coa programación de feiras anual para a promoción deste destino turístico e puxemos en marcha dúas rutas de ‘Viñobus’ dende Lugo e Ourense respectivamente co fin de seguir dando a coñecer a cultura vitivinícola inherente a este territorio.
¿Como está a ser este verán en canto ao volume de visitantes? ¿ Que datos chegan dende as oficinas de turismo?
En xeral temos bos datos, a pesar de que a ocupación é bastante desigual, segundo os valoracións que se desprenden de aloxamentos e casas de turismo rural. Algúns teñen máis reservas que en anos anteriores, sen embargo para outros non é así.Por outro lado, as viaxes en catamarán están funcionando mellor ca nunca con todos os problemas do descenso do caudal dos ríos por mor das obras nos encoros. Penso que o que temos que facer é que cando existen problemas conxunturais coma este, convertelos incluso nunha potencialidade para a Ribeira Sacra. Moitos dos que optaban por unhas vacacións prolongadas están a decantarse por visitas máis curtas a destinos interiores como a Ribeira Sacra, que sempre é un refuxio gastronómico, cultural e con encanto para as fins de semana. Penso que, nese senso, estamos mellor preparados ca outros microdestinos para soportar as crises. O segredo é que Ribeira Sacra é un destino que se uniu á calidade, e haberá que facer cousas para mellorar, e se cabe, aínda dentro da crise, a calidade é un elemento que aínda se valora.
Os 20 concellos do Consorcio decidiron continuar adiante a súa tarefa a pesares do remate do Plan de Dinamización Turística que fora o motivo que os unira. ¿ Como se prantexa agora esta continuidade?
Afortunadamente Ribeira Sacra únese gracias a un PDT que reporta investimentos , que agora mesmo son menores, pero o que importa é que xa hai unha infraestrutura aceptable. O que está claro é que agora mesmo ningún dos concellos por sí so é capaz de penetrar no nicho do turismo, pero o que importa é que nos demos conta de que temos un potencial moi grande para estar aí todos xuntos. O Consorcio é o interlocutor único que ten calquera empresa maiorista á que lle interese a Ribeira Sacra. O mellor que fixo o Consorcio, máis que os investimentos concretos, foi crear unión, para comunicar que no interior, nas provincias de Lugo e Ourense, hai un microdestino único que se chama Ribeira Sacra e que oferta gastronomía, unha denominación de orixe puxante para os nosos viños, a maior concentración de románico de toda Europa e unhas paisaxes inigualables. A iso unímoslle os “mares interiores” de Galicia, as máis de medio cento de casas de turismo rural, dous paradores de turismo, un hotel de cinco estrelas gran luxo en Sober e un balneario con campo de golf, o que convirte a Ribeira Sacra nun dos destinos que máis poden ofertar ao turismo no ámbtio estatal. Nós non podemos soñar con milleiros de persoas, ni con sol e praia, sen embargo Ribeira Sacra cada vez sona máis, e hai uns anos non era así. O obxectivo é promocionar, promocionar e promocionar.
¿ Cales son as medidas concretas a curto prazo en función das posibilidades de finnanzamento?
Estou seguro que para o vindeiro ano poderemos seguir contando con proxectos como este ano grazas á sensibilidade do departamento de Turismo da Xunta e das deputacións de Lugo e Ourense. De inmediato a xunta vai invertir 170.000 euros nun mirador en Sober, continuaremos coa edición de material promocional e asistencia a feiras do sector e entre todos faremos novas propostas á Xunta en función das necesidades de cada un dos municipios.