O primeiro tramo do corredor Sarria-Monforte abrirase en 2012

O deputado do Grupo Popular Jaime Castiñeira dixo no Parlamento que a Xunta de Galicia inaugurará este ano o primeiro tramo do corredor Sarria-Monforte, “e está previsto que ao longo do vindeiro ano estea totalmente rematada e operativa esta vía”. Jaime Castiñeira confirmou que a Xunta está a traballar na construción deste corredor, que considerou “un proxecto fundamental para a mellora das comunicacións por estrada na provincia de Lugo e que compartimos a demanda de que a obra se axilice o máximo posible”. Estas declaracións viñan a raíz da denuncia por parte do grupo parlamentario do PSOE de que o Goberno galego está a incumprir os prazos previstos para este ano na posta en marcha desta vía.

PROBLEMAS XEOTÉCNICOS MOTIVARON REFORMAS NOS PROXECTOS

Castiñeira negou que as obras se paralizaran e explicou que unicamente “leváronse a cabo reformas do proxecto e de contratos nos dous últimos tramos, como consecuencia da aparición de problemas xeotécnicos e de estabilidade dos terreos polos que discorre este corredor”. O deputado popular criticou aos socialistas “por querer apropiarse dun proxecto que pertence claramente aos gobernos do Partido Popular” e dixo que a primeira fase Nadela-Sarria foi licitada, contratada e iniciadas as obras polo goberno de Manuel Fraga, sendo vicepresidente daquel executivo Alberto Núñez Feijóo. Neste sentido, recordou ao deputado socialista Pablo López, quen levou a proposición non de lei para axilizar esta segunda parte do corredor o pasado 8 de marzo, as manifestacións que tiveron lugar na zona de Sarria entre os anos 2003 e 2005, reclamando a conversión do corredor previsto inicialmente en autovía, “unhas protestas que, curiosamente, remataron tan pronto chegou o Goberno bipartito sen cambiar un ápice o deseño previsto desta obra”. O deputado popular tamén afirmou na sesión que o anterior presidente da Xunta, o socialista Emilio Pérez Touriño, xunto coa daquela conselleira de Infraestructuras María José Caride, visitaron no 2008 as obras do tramo Nadela-Sarria e anunciaron a súa inauguración ese mesmo ano. “Lamentablemente, non se cumpriu este anuncio e tivo que ser o goberno de Núñez Feijóo quen rematou as obras e puxo en funcionamento este tramo do corredor”, sinalou Castiñeira.

PROPOSICIÓN NON DE LEI DO PSOE

O portavoz de Infraestruturas do Grupo Socialista, Pablo López Vidal, denunciaba na mesma sesión o “incumprimento flagrante” de Feijóo co seu compromiso de rematar a Vía de Alta Capacidade Sarria-Monforte. Así o dixo no debate da proposición non de lei para que a Xunta execute este “compromiso fallido” que resulta “vital” para o desenvolvemento da provincia de Lugo. López Vidal, pola súa parte, acusou ao presidente da Xunta de ter esta obra paralizada por outros motivos diferentes aos que alegou Castiñeira: “Non pagar as certificacións de obra á empresa, poñendo a 200 persoas no paro, adiando sine die unha obra xa adxudicada e prevista para finais do pasado ano 2011”, dixo López Vidal. Reclamou “honestidade” ao PP para “dicir a verdade de que van ser incapaces de rematar un corredor de só 28 quilómetros” porque “o seu presidente non ten palabra”. O responsable socialista dixo contrariamente ao popular, que foi o goberno socialista o que decidiu licitar esta obra e completala ata conectar o eixo Nadela-Sarria-Monforte, mellorando a mobilidade e facilitando a comunicación coa capital da provincia. Sen embargo, dixo, “o actual presidente da Xunta paralizou as obras incumprindo os compromisos adquiridos para o desenvolvemento das grandes infraestruturas de Galicia”.

IMPORTANCIA “VITAL” DESTA INFRAESTRUTURA

López Vidal alientou a “importancia vital” da infraestrutura para a mellora da seguridade viaria, a calidade dos desprazamentos e o tempo de conexión entre Monforte, Sarria e Nadela-Lugo, e polo tanto para mellorar a competitividade e o desenvolvemento. A iniciativa debatida o pasado 8 de marzo contemplaba o remate da obra nos primeiros seis meses de 2012, logo de que a Xunta incumprira, segundo remarcaron os socialistas, o contrato orixinal para finalizar a infraestrutura a finais de 2011.

ENMENDA DO PSOE

López Vidal desbotou unha emenda do PP para supeditar a execución ás “dispoñibilidades orzamentarias” e cualificou esta proposta do goberno galego de “broma de mal gusto” para “enganar metendo a obra nunha partida orzamentaria que non se vai executar”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

3,7 millóns para os gandeiros chantadinos

Seguinte Nova

29 de marzo, Folga Xeral: Os sindicatos convocan actos informativos

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: