Celebradas en Monforte as Xornadas Enoturísticas-Culturais na Ribeira Sacra
A iniciativa pon de relieve o atractivo turístico da enogastronomía nesta zona
O Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte acolleu boa parte das actividades que ó longo dos días 11, 12 e 13 de maio desenvolvéronse en varios puntos da provincia de Lugo en torno ás posibilidades do enoturismo e a gastronomía.
IMPULSO AO SECTOR PRODUTIVO E DE SERVIZOS VINCULADO AO VIÑO, O QUEIXO E O TURISMO INTERIOR
As Xornadas Enoturísticas-Culturais na Ribeira Sacra buscaban concienciar sobre a importancia das sinerxias entre os nosos sectores produtivos alimentarios e os establecementos hostaleiros, para propiciar o consumo do produtos galegos entre toda a poboación. Conferencias, visitas a viñedos, catas gastronómicas e charlas con profesionais do viño, turismo e da gastronomía lucenses integraron un programa destinado a impulsar os sectores tanto produtivos como de servizos vinculados á viticultura, produción de queixo, hostaleiría e turismo interior da provincia de Lugo. A organización das Xornadas Enoturísticas-Culturais na Ribeira Sacra correu a cargo da Rede Galega de Empresas e da Asociación Galega de Viticultura-FRUGA, co patrocinio da área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, e a colaboración dos Concellos de Lugo, A Pobra do Brollón, e Monforte de Lemos, a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), a Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e as Denominacións de Orixe Protexidas Arzúa-Ulloa e San Simón da Costa.
CREACIÓN DE EMPREGO E DEFINICIÓN DE SINERXÍAS ENTRE SECTORES
Durante a presentación destas Xornadas, o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, lembrou que o obxectivo do organismo provincial pasa pola creación de emprego a través do turismo, que na Ribeira Sacra está moi vinculado ao viño e á gastronomía, “o que permite vincular esta estratexia co sector primario, a través do viño e do queixo”. Veiga definiu estas Xornadas como “un foro aberto que vai permitir que os sectores público e privado definan estratexias, o que coincide co plantexamento da Deputación recollido na Empresa Provincial de Turismo, que se vai a constituír definitivamente no pleno deste mes”. Pola súa parte, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, considerou “axeitado” o plantexamento das Xornadas e a vinculación dos diferentes sectores “para poñelos en valor e dinamizar a economía”. O Alcalde destacou que “difundir os produtos da terra é difundir o territorio e os seus atractivos”. Manuel Vázquez, en representación da Rede Galega de Empresas, coorganizadora das Xornadas, destacou o papel desta iniciativa para a promoción das empresas, coa intención “de crear sinerxias entre o viño, o queixo e o turismo para que a economía avance”.
VISITAS A ADEGAS E REFLEXIÓN SOBRE VIÑO E PAISAXE
As Xornadas iniciáronse o venres 11 de maio no Centro do Viño da Ribeira Sacra, coas conferencias tituladas “O Centro do Viño e a potenciación dos recursos enoturísticos”, impartida por Rosario Chao Quintana, redactora do proxecto Centro do Viño da Ribeira Sacra; e “Paseo pola Ribeira e o Val de Lemos”, a cargo do escritor Lois Diéguez Vázquez. Os participantes nas xornadas poideron disfrutar dunha visita a Adegas Moure, no Saviñao, para rematar o día cunha cea en Adega Algueira, en Sober.
HISTORIA DOS VIÑEDOS DA RIBEIRA SACRA, COMERCIALIZACIÓN INTERNACIONAL DO NOSO VIÑO E TESTEMUÑAS EMPRESARIAIS DO SECTOR DO QUEIXO
A mañá do sábado 12 de maio estivo adicada á visita a viñedos en Chantada, Amandi e Vilachá, coa guía explicativa a cardo dos expertos Roberto Regal e Francisco Rego Martínez. Xa pola tarde, o Salón Deputación do Museo de Lugo acolleu unha conferencia sobre a comercialización na que participaron o adegueiro Pepe Rodríguez; Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería en Lugo; Adrián Gómez, xestor de internacionalización; Modesto Toubes, propietario da queixería Casleiras; e Luís Carrera Valín, artesán da granxa Arqueixal. A xornada continuou con dúas conferencias, “A historia dos viñedos da Ribeira Sacra no contexto da viticultura galega”, a cargo de Pegerto Saavedra, catedrático de Historia Moderna na USC, e “A actual situación do sector vitivinícola e queixeiro na provincia de Lugo”, impartida por Xosé Mouriño Cuba, xefe do Servizo de Industria e Calidade Agroalimentaria da provincia de Lugo. Unha cata de viños e unha degustación de queixos na Praza da Soedade serviu de colofón para esta xornada de traballo. A despedida destas Xornadas Enoturísticas-Culturais o domingo día 13 tivo un carácter eminentemente lúdico, co participación nun túnel do viño e unha degustación de queixos antes da clausura oficial.