No Pleno celebrado a finais de setembro, o PSdeG de Paradela acusou ó alcalde de “estar noutro planeta” por non ver e admitir o dano que o repago dos comedores que impuxo a Xunta “sen falar con ninguén” lles está a causar ás familias, sobre todo ás do medio rural. Despois de que o grupo municipal do PP rexeitase unha moción socialista en contra do decreto de Educación xustificando a súa negativa en que todo está a ser normal e que o obxectivo é facer unha xustiza redistributiva, a voceira do PSdeG no Concello de Paradela, Sonsoles López Izquierdo, cualificou de “escandaloso e unha falta de respecto inaceptable” ós veciños que o rexedor “negue a evidencia e diga que todo vai ben”, cando o “descontento por este novo golpe ó ensino público é unánime na comunidade educativa, e todos os días estamos a ver protestas dos pais e os grandes esforzos que, por culpa do PP, teñen que facer para pagar a educación dos seus fillos”.•