Impulso intermunicipal dos obradoiros de emprego
![A directora xeral de Formación e Colocación, Ana María Díaz, visitou o obradoiro de emprego RICRA-Ribeira Sacra que se celebra en O Saviñao. Díaz estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e os alcaldes dos concellos de Pantón, José Luis Álvarez; de Sober, Luis Fernández Guitián; e de O Saviñao, Joaquín González. DTXL.](https://i0.wp.com/encomun.es/wp-content/uploads/2014/02/visita-obradoiro-ricra-en-saviñao-sober-panton.jpg?resize=450%2C304&ssl=1)
O Concello de Pantón participa no obradoiro de emprego RICRA-Ribeira Sacra, financiado pola Consellería de Traballo e impulsado conxuntamente polos concellos de Pantón, Sober e O Saviñao. Esta acción conta cun investimento autonómico de preto de 178.000 euros.
FORMACIÓN TEÓRICA E EXPERIENCIA LABORAL PARA 20 DESEMPREGADOS
O pasado 5 de febreiro, a directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia, Ana María Díaz, visitou as instalacións de O Saviñao onde están a traballar os 20 traballadores desempregados que participan nesta iniciativa, que lles permite adquirir formación teórica e experiencia laboral nas especialidades de xardinería e montaxe e instalación de construccións de madeira. O obradoiro dura seis meses, durante os cales os traballadores percibirán o correspondente salario.
5 MELLORAS NO MUNICIPIO DE PANTÓN
Ó mesmo tempo, estes traballadores realizarán obras de interese social nos tres municipios participantes no obradoiro, e que no caso de Pantón centraranse na mellora e acondicionamento da contorna da área recreativa do Castro de Ferreira, da de Gallegos, da de Monte Baliño, así como na praza de Goián e na zona da Fervenza de Augacaída. A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, defendeu este novo modelo de obradoiros mancomunados entre concellos, “porque coordinan accións e reducen custes, permitindo o acceso ó maior número posible de persoas desempregadas”.•