O Centro do Viño de Monforte cumple cinco anos

Eixo de actividades culturais, comerciais e sociais en torno ó mundo do viño da Ribeira Sacra

•O Museo do Viño, instalado no espazo expositivo deste recinto, recibiu máis de 17.000 visitantes • A súa vinoteca, con 196 referencias de viños e licores, é o punto de venta con máis marcas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra

O Museo do Viño de Monforte foi concebido baixo as pautas dos espazos museísticos máis vangardistas, acorde coas tendencias contemporáneas. Arquivo EC.
O Museo do Viño de Monforte foi concebido baixo as pautas dos espazos museísticos máis vangardistas, acorde coas tendencias contemporáneas. Arquivo EC.

O Centro do Viño de Monforte vén de cumplir cinco anos en plena forma como centro de referencia do mundo e da cultura vitivinícola da Ribeira Sacra. O primeiro paso nesta andaina foi a recuperación e remodelación do edificio número 6 da rúa Comercio. Unha construcción con historia, xa que a mediados do século XVIII fora hospital, para converterse cen anos despois en casino, antes de acoller, nos anos trinta do século XX, a sede da Casa Consistorial monfortina. A súa céntrica ubicación no casco histórico da cidade do Cabe, e as singularidades arquitectónicas do edificio, cun excepcional claustro interior enmarcado cunha fermosa galería, facilitaron a posta en marcha deste proxecto impulsado polo Concello de Monforte.

Presentacións de viños,  catas, exposicións, festas e xornadas formativas integran o programa do Centro do Viño ó longo de todo  o ano.  Arquivo EC
Presentacións de viños,catas, exposicións, festas e xornadas formativas integran o programa do Centro do Viño ó longo de todo o ano.Arquivo EC

EPICENTRO DA CULTURA DO VIÑO

O Centro do Viño integra un espazo museístico, o proxecto estrela da recuperación deste inmoble, concebido seguindo as tendencias máis vangardistas do deseño expositivo. Audiovisuais, fotografía e unha singular disposición dos elementos divulgativos ofreceron ós máis de 17.000 visitantes recibidos unha visión moi actual e suxerente da cultura vitivinícola e do espíritu da Ribeira Sacra. O coñecemento directo do viño desta zona é posible na área de cafetería e vinoteca, integradas no edificio, e a labor divulgativa compleméntase cunha zona de exposicións na galería que rodea o claustro, e unha zona de traballo para acoller todo tipo de eventos relacionados co viño, e o seu estudio e divulgación.

O Centro do Viño está a apostar por xerar arredor da cultura do viño un mapa de actividade e dinamismo en toda a Ribeira Sacra. EC
O Centro do Viño está a apostar por xerar arredor da cultura do viño un mapa de actividade e dinamismo en toda a Ribeira Sacra. EC

NOVO IMPULSO

Esta liña de traballo vén de reforzarse dende hai 10 meses, cando a empresa Rutas Sacras Nomar asume a xestión do Centro do Viño. Iníciase unha nova etapa en canto ó aproveitamento deste espazo, xa que a Oficina de Turismo pasa a localizarse nestas dependencias, con máis de 10.000 consultas atendidas durante este periodo. Pero ademais de atender ós visitantes, o Centro do Viño apostou por ser o centro de dinamización da vida local, e con este fin estase a realizar unha intensa programación de eventos ó longo de todo o ano. Os xoves son os días consagrados ó coñecemento do noso viño; os adegueiros presentan os seus viños e propoñen unha cata-degustación ós asistentes, nunha actividade que deu a coñecer 41 viños de 27 adegas da Ribeira Sacra. A vinoteca é o espazo comercial con máis referencias da Denominación de Orixe. Esta tenda dispón de 196 referencias entre viños e licores das cinco subzonas, e ofrece servizo a domicilio a calquer punto de España. A proposta do Centro do Viño conta tamén con cursos de cata de viños e uvas, exposicións e conferencias, eventos festivos e obradoiros de fotografía e artesanía, para reivindicar ó viño como o centro da nosa identidade.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

Cultura investirá nos arranxos das pinturas de Santa Mª de Nogueira e da estrutura do santuario de Cadeiras

Seguinte Nova

Os Bolechas presentaron en Sober o seu volume ambientado nas terras do Amandi

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir aInicio

Don't Miss