Como funciona un microondas?: as claves dos inventos na Casa da Xuventude de Chantada

• Preguntas como esta centran o obradoiro de inventos que se desenvolve dende xaneiro na Casa da Xuventude de Chantada • Alimentar a inquietude e curiosidade dos xoves, e tomar conciencia das vantaxes do progreso técnico nas nosas vidas, son os obxectivos desta actividade

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

• A frase que di «a curiosidade é o avance da ciencia», sirve para explicar o porqué do obradoiro de inventos que, cada mércores dende xaneiro, se desenvolve na Casa da Xuventude de Chantada.

«OS INVENTOS SON UNHA BOA PROPOSTA PARA FACER PENSAR E RESOLVER PROBLEMAS»

Como explica o monitor deste obradoiro, Justo Mondelo, a idea xurdiu nunha conversa coa dirección do centro, «no sentido de que a xuventude ten sempre moita inquietude, e os inventos son un xeito de resolver problemas, unha boa proposta para facer pensar». Aínda que a tecnoloxía pesa moito no mundo actual, facendo que os progresos e as facilidades que aportan se vexan con certo grao de normalidade, a curiosidade natural do ser humano segue viva. E un modo estupendo de saciala é comentando como outros conxéneres resolveron pequenos -ou grandes- problemas da vida cotiá. Solucións que supuxeron un pequeno paso para a Humanidade, e que, moitas veces, garantíronnos unha existencia máis confortable.

SESIÓNS MONOGRÁFICAS CON TEORÍA E PRÁTICA

«Non se trata de crear inventos, senón de reflexionar como fixeron os inventores para acadar estes logros», explica Mondelo, que deixa aos seus alumnos a liberdade de escoller o tema que se trata en cada sesión. «Todos traemos propostas, e así imos vendo casos práticos que nos tocan de cerca», suliña. Como funciona unha placa de ordenador, un microondas ou a telefonía móbil foron temas abordados no obradoiro, que se desenvolve cunha dinámica propia de científicos. «Resolvemos nunha mesma sesión un invento completo, ás veces incluso dá tempo a ver dous», destaca Mondelo. A clase comeza estudando a través dun vídeo como o inventor chegou á conclusión que deu lugar ao invento escollido. A continuación, e botando man de pezas de mostra, cedidas, que aporta o monitor para cada sesión, proban empíricamente a teoría.

«ANALIZANDO OS INVENTOS, OS RAPACES COMPRENDEN O VALOR DO ESFORZO E DA FORMACIÓN PARA LOGRAR OS RETOS DA VIDA»

Esta forma de organizar as sesións ten moitas vantaxes. «Partimos dunha formación básica, en matemáticas ou física e química, pero aos rapaces tamén lles vale para afondar en dúbidas que poidan ter, porque resolvemos as dúbidas unha por unha», explica Justo Mondelo. Este apoio á formación científica dos xoves, ao realizarse nun entorno lúdico e fóra das aulas, contribúe á mellora dos seus coñecementos. «Xa non é polo que poidan aprender de matemáticas, por exemplo, senón que os rapaces comproban que toda esta xente, todos os inventores, foron xente que estudou moito, e así comprenden o valor do esforzo e da formación para lograr os retos da vida», destaca Mondelo.

RECUPERAR A SORPRESA POLO MUNDO QUE NOS RODEA

Ademais de reflexionar sobre cuestións técnicas e sobre actitudes de traballo, o obradoiro de inventos da Casa da Xuventude de Chantada tamén aporta momentos de gran emoción. «Pensa que aquí facemos experimentos reais, aplicamos a teoría de xeito prático, e iso xera situacións moi sorprendentes», indica o monitor. Que a bobina Tesla consiga encender unha bombilla sen enchufala, que xurda unha imaxe perfectamente nítida dun proxector holográfico moi caseiro, ou que a bola central da campana de Franklin se mova sen tocala fan recuperar a sorpresa polo mundo cotiá. Cando iso pasa, o obxectivo está conseguido. «Todo isto busca que os máis novos vexan a realidade con outros ollos, e se dean conta de que, grazas aos inventos, hoxe vivimos mellor».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta destinará 126.000 euros máis para a rehabilitación de San Paio de Diomondi

Seguinte Nova

Augas Santas acolleu o Torneo de Golf Semana Santa

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: