O Goberno provincial inicia este mes a execución do Orzamento cun primeiro impacto económico de preto de 11 millóns de euros

•As medidas iniciais van enfocadas ás subvencións nominativas, Servizo de Axuda no Fogar, Plan de Obras e Servizos, e plan de emprego municipal nos concellos de menos de 20.000 habitantes

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, deu a coñecer a remodelación do equipo de goberno, o pasado 4 de xullo. GPDL.
O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, deu a coñecer a remodelación do equipo de goberno, o pasado 4 de xullo. GPDL.

• O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, adiantou estes días as primeiras medidas da execución dos orzamentos 2016, e que terán un impacto económico inicial de 11 millóns de euros.

PRIORIDADE PARA AS AXUDAS A ENTIDADES SOCIAIS E CONCELLOS
As actuacións máis inmediatas teñen que ver, segundo explicou Campos o pasado 6 de xullo, coas subvencións nominativas, que van dirixidas a entidades e colectivos sociais sen ánimo de lucro, ademais dos concellos. O obxectivo das subvencións é contribuir ao desenvolvemento da «importante labor que realiza na provincia o tecido asociativo, as entidades sociais e os concellos». En total, supón un investimento de máis de 1,4 millóns de euros, para un conxunto de 128 subvencións. O reparto inclúe 90 achegas para colectivos e entidades sen ánimo de lucro de toda índole, e as restantes 38 subvencións corresponden a concellos. Con estas achegas, desenvolveranse actuacións de benestar, educación, igualdade, integración, deporte, turismo e cultura.

ADIANTO DO 80% DAS ACHEGAS
Campos explicou que, ata agora, a Deputación adiantaba aos beneficiarios o 60% do importe total das subvencións, e o restante 40% recibíano unha vez executada e xustificada a actividade. “Este ano, tendo en conta a data na que estamos, e a situación na que se atopa o conxunto do tecido asociativo e os Concellos, que son, sen dúbida, os que máis ansiaban a aprobación definitiva do orzamento provincial, decidimos adiantar, por primeira vez na Deputación de Lugo, o 80% destas axudas», precisou Campos. Este adianto suporá unha «inmediata» inxección económica superior ao 1.120.000 euros.
Do total das axudas, o 42% vai destinado ao impulso do benestar, educación, igualdade e integración, o que supón un investimento de 589.000 euros. Asociacións como Auxilia, Cogami, Raiolas, Aspnais ou Alume, así como os conservatorios municipais de música, Proxecto Home ou a Universidade de Santiago son algúns dos destinatarios destas achegas.
O 58% destas subvencións van destinadas a actuacións en deporte, con 409.000 euros, turismo, con 249.000, e cultura, con 168.000 euros. As achegas en deporte beneficiarán a clubes e entidades deportivas da provincia. No turismo, as subvencións diríxense a potenciar a posta en valor de recursos naturais ou celebracións nos Concellos, «que son marca de identidade propia e atraen a moitísimos visitantes». Tal é o caso da Feira do Viño de Amandi, en Sober; o Oso de Salcedo, na Pobra do Brollón, a Festa do Porco Celta, en Sarria; ou a Feira do Aceite, en Quiroga, entre outras.

TRES MEDIDAS MÁIS PARA ARRANCAR XA
Na presentación dos orzamentos aprobados para 2016, que suman 96,3 millóns de euros, o presidente da Deputación anunciou que este mes estarán en marcha outras tres medidas, que suporán, xunto coas subvencións nominativas, un impacto económico de case 11 millóns de euros. Así, iniciarase xa a concesión das axudas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) por valor de 1,5 millóns de euros, e dirixidas aos concellos. Campos explicou que esta prestación increméntase en 300.000 euros este ano, e por primeira vez os Concellos non pagarán o 30% que viñan aportando. Ademais, anticiparánselles o 90% dos fondos, e se lles financiarán, xunto aos gastos de persoal do servizo a domicilio, tamén os gastos de funcionamento, como por exemplo, os custes de compra de material sanitario, ou de desprazamento dos usuarios a citas médicas, acompañados polo persoal do SAF.
A terceira medida orzamentaria deste mes é o Plan de Obras e Servizos municipais por valor de 4,9 millóns de euros. Campos suliñou que xa están a contactar cos concellos para que presenten as memorias dos proxectos que queiran facer, «e poder aprobar a lista no Pleno de xullo». Por último, arrancará o plan de emprego para todos os concellos de menos de 20.000 habitantes, con 3 millóns de euros.
Os orzamentos deste ano tiveron que esperar ata o 27 de xuño para finalmente ser aprobados cos votos do PSOE, PP e do deputado non adscrito. O presidente, Darío Campos, pediu disculpas «a todos e cada un dos lucenses por esta longa tardanza», e amosouse satisfeito de que se aprobara «a miña proposta de orzamento, de 88,3 millóns de euros, aos que hai que sumar outros 8 millóns de euros de remanentes», ata sumar 96,3 millóns. «Son uns orzamentos para os máis de 350.000 veciños dos 67 concellos da provincia», suliñou.•

•Reorganización das áreas de Goberno

• A aprobación dos orzamentos provinciais para 2016 co voto favorable do PSOE, PP e do deputado non adscrito provocou a renuncia ás súas áreas de goberno dos dous deputados do BNG, que votaron en contra dos presupostos. O voceiro do BNG na Deputación, Xosé Ferreiro, explicou que, nun primeiro momento, o documento base do acordo entre PP e PSOE que se presentou á Xunta de Portavoces «era totalmente inaceptable para o BNG por razóns meramente políticas». Na reunión, as modificacións planteadas polos nacionalistas foron «en todo momento respaldadas polos socialistas», apuntou Ferreiro, e se conseguiron «avances e cambios», pero «en cuestións de vital importancia para o BNG» o criterio do PP era contrario. Ferreiro lamentou a deriva dos acontecementos, pero afirmou que «uns orzamentos deberían estar aprobados por todos os grupos». Pola súa banda, o deputado nacionalista e vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, explicou o voto en contra dos nacionalistas e a súa renuncia ao cargo porque «non se pode gobernar con chantaxes do PP, nin aceptar que o reparto de recursos se basen en prebendas para os concellos do PP, nin tampouco aceptar condicións de persoas concretas, xa que nós traballamos por proxectos políticos».Veiga criticou tamén que as modificacións aprobadas na xestión do Pleno «non melloran o funcionamento político e democrático nesta institución».
Pola súa banda, o presidente da Deputación, o socialista Darío Campos, declarou que lle houbera gustado contar con unanimidade na aprobación dos orzamentos, «pois negociamos ata o último minuto e incorporando achegas de todos». Campos suliñou que «de non chegar a este acordo, estaríamos privando aos lucenses, sen motivo algún, de investimentos de 30 millóns cun orzamento prorrogado». O presidente afirmou que «é cuestión de responsabilidade e de facer primar o interese xeral aos individuais ou partidistas».
As renuncias dos deputados do BNG provocou a reorganización das áreas de goberno. A Vicepresidencia asumirá Cooperación cos Concellos, Emprego, Benestar e Igualdade, a cargo de Álvaro Santos. Cultura, Deseño e Artesanía será responsabilidade de Pilar García Porto. Economía, Recadación e Facenda estará ao cargo de Mayra García, e a Promoción do Territorio e Turismo terá como responsable a Eduardo Vidal. A Xestión Territorial corresponde a Argelio
Fernández, o Goberno Interior segue a cargo de Miguel Ángel Sotuela, así como Medio Rural e Mar a cargo de Lino Rodríguez, coa subárea de Medio Ambiente con Sonsoles López Izquierdo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte asinou o nacemento da Rede de Cidades e Territorios Creativos de España

Seguinte Nova

Obradoiro de Verán Música e Baile en Monforte

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: