• A produción alimentaria de calidade seguirá a contar co impulso da Xunta de Galicia, como un factor de desenvolvemento dos municipios. A mediados de abril, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, reuniuse coa conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, para afondar no impulso da produción de castaña de calidade certificada neste municipio lucense. Este impulso, que se materializa a través da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia, contribuirá a reforzar esta produción como sinal de identidade deste municipio, segundo precisou na reunión a rexedora de Folgoso. Pola súa banda, Vázquez ratificou o compromiso da Xunta en seguir potenciando a Indicación Protexida e a produción e comercialización de castaña galega en xeral. •