•Dende o PP critican as decisións do Goberno socialista, “porque non poden loitar contra o despoboamento os mesmos que xeran as incidencias ferroviarias rexistradas en Galicia”
Unha nutrida representación de alcaldes, deputados e senadores do Partido Popular de Galicia e León concentráronse na estación do ferrocarril de Monforte o 19 de xaneiro, para denunciar “a dramática situación” do servizo ferroviario na Comunidade, e a “falta de interese” do Goberno central polas infraestruturas galegas. Os populares criticaron as decisións do Goberno socialista de suprimir a venda presencial de billetes en estacións como a de Sarria, e os retrasos anunciados este mes na posta en marcha do AVE a Galicia. Os responsables do PP criticaron tamén “as continuas incidencias” rexistradas en liñas como a de Vigo-León, que afecta a varias estacións do sur lucense.
TRENS VELLOS E FALTA DE MAQUINISTAS
Dende o andén da estación monfortina, o deputado Celso Delgado denunciou “o progresivo deterioro” que está a sufrir este emblemático nó do tren en Galicia. Delgado alertou de que na liña de Monforte, con trens que, nalgúns casos, “levan 35 anos funcionando”, “as avarías son constantes porque o material está obsoleto, o que provoca retrasos e cancelacións”. O deputado criticou a falta de maquinistas e os “inexistentes” protocolos de atención ao pasaxeiro en caso de incidencias.
A presidenta do PP Provincial, Elena Candia, pediu aos socialistas galegos que “deixen de aplaudir” as decisións do Goberno central. Candia criticou que o Gabinete de Pedro Sánchez “fai exactamente o contrario do que debería para afrontar o reto demográfico”. •