O stand de Galicia acolleu un acto específico para dar a coñecer esta iniciativa, “o froito do esforzo” destes tres pequenos concellos lucenses, e “da ilusión dos veciños e veciñas”, segundo apuntou na súa intervención no acto o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, quen tamén lembrou o apoio a este proxecto da Xunta a través do GDR Ribeira Sacra-Courel. Na cita promocional participaron o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez; a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro; o alcalde de Ribas de Sil, Miguel Sotuela, e o tenente de alcalde deste municipio, Roberto Castro. Balseiro lembrou que a Xunta vai “redobrar a aposta por este territorio” co impulso de novas sinalizacións, ampliando o Museo Xeolóxico de Quiroga, e seguindo a prepara o Plan de Dinamización Turística.
O Courel estivo presente por partida dobre, xa que tamén se deu a coñecer o xeodestino Montañas Lucenses Ancares-Courel, no que se integran, entre outros, os municipios de Folgoso, Samos, O Incio e Triacastela. GPDL