
Do 22 ao 27 de marzo, o Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte de Lemos amosa a exposición titulada «O traxe festivo da muller aldeá, nas terras de Lugo», organizada polo Grupo El Progreso e elaborada polo obradoiro artesán lucense Traxandaina.
A mostra, de carácter itinerante, visitará diversas localidades da provincia de Lugo.
PEZAS ORIXINAIS E RÉPLICAS FEITAS RESPECTANDO A TRADICIÓN
Na exposición, poden verse pezas antigas e réplicas de traxes festivos de gala das mulleres lucenses de finais do século XIX. A recopilación é o resultado dunha selección feita ao longo dos anos polos investigadores do obradoiro Traxandaina, entre as abundantes vestimentas que hai documentadas ou que foron recollidas polas casas de aldea da provincia.
OS TRABALLOS DE TRAXANDAINA RECIBIRON O SELO DE PATRIMONIO EUROPEO
O obradoiro Traxandaina, responsable da elaboración desta mostra, está rexistrado coa marca Artesanía de Galicia. Con unha dilatada experiencia no traballo de investigación e recopilación sobre indumentaria tradicional, prioriza o rescate e conservación de formas, tecidos, patronaxe e costura de antano, que aplica ás súas réplicas. Os seus traballos foron recoñecidos en 2018 co Selo de Patrimonio Europeo.•